Setembro segue sendo un mes de festas.
A Feira Franca de Pontevedra é unha das máis destacadas desta fin de semana.
Comeza este venres pero o día grande é o sábado. O mercado medieval abre ás once e media da mañá e a partir e aí comezan toda unha serie de actividades para trasladarnos á Idade Media.
A recreación do transporte do viño, cantares de cego polas rúas, actividades como tiro con arco e atraccións como o torneo medieval son só algunhas das actividades que nos propón a cidade do Lérez.
Tamén haberá festas gastronómicas, como a dos callos en Salceda.
Dende 1993, a Praza do Concello é o escenario desta festividade gastronómica que ten lugar o primeiro domingo de setembro. Anualmente, máis de 20.000 persoas acoden dende toda a xeografía galega e portuguesa para saborear este delicioso prato. Más de 50 persoas voluntarias dedícanse a garantir o éxito da festa ano tras ano. Ademais da exaltación gastronómica, a festa serve como escusa para gozar dunha fin de semana repleta de actos culturais e propostas lúdicas.
Vigo celebra a súa Festa do Marisco.
A 18ª edición desta festa celebrarase do xoves 4 ao domingo 7 de setembro de 2025 no porto pesqueiro do Berbés.
Este evento marca o regreso da festa despois dunha pausa de seis anos. A última vez que se celebrou foi no 2019.
Con esta edición, a organización do evento quere recuperar o espírito popular, mariñeiro e gastronómico da festa, ofrecendo marisco, viños galegos, música en directo e actividades para todas as idades.
A Illa de Arousa volve darnos esta fin de semana unha das súas moitas festas gastronómicas.
Desta volta, o produto homenaxeado é o polbo.
O paseo marítimo do Xufre énchese do 5 ao 7 de setembro de postos con mesas para saborear este tesouro das nosas rías en múltiples receitas: polbo á vinagreta, á prancha, con fabas, en empanada, á feira e como polbo á illa, con salsa a base de cebola e pemento.
Os que queiran máis variedade terán tamén croquetas de marisco, paella, empanada de atún, tortilla e filloas.
A festa contará ademais con actuacións musicais.
Na festa do ovo campeiro de Melide van tratar de cociñar a tortilla e o ovo fritido máis grandes do mundo.
Si. Leron ben. O ovo máis grande do mundo vai ter dous metros de diámetro. Ou polo menos, ese é o plan.
A organización colocará pantallas xigantes para que os asistentes poidan ver todo o proceso de elaboración.
E da tortilla, a organización quere sacar 12.000 racións.
A segunda edición desta festa celebrase o 6 e o 7 de setembro. O evento ten un carácter solidario. A entrada custa tres euros e toda a recadación será destinada a comedores sociais e entidades benéficas.
De temática cultural atopamos, entre outros, o Festival Internacional de Cinema, en Bueu, as Meninas de Canido, en Ferrol, ou a Feira Tradicional dos Remedios, en Ponteareas.