Campaneiros galegos tocan á man as campás da Peneda cincuenta anos despois
Chamáronos para a Romaría dos Espanhois que se celebra no concello portugués de Arcos de Valdevez
Á festa acode xente de diferentes lugares do sur de Galicia e o bispo de Ourense oficiou unha misa
A Romaría dos Espanhois soou máis galega que nunca. Imos ao Xurés, o Gerês, porque pasamos a Portugal. Arcos de Valdevez celebra a súa gran festa: a romaría da Peneda e hoxe é o día dedicado a España. O bispo de Ourense veu oficiar unha misa e ao santuario, no medio dos montes, chegan romeiros dos Blancos, de Celanova, de Xinzo ou de San Cibrao.
"É diferente, unha santa diferente da que temos nós alí, e viñemos por cambiar un pouco tamén", explica unha muller.
Pero o máis diferente é que este ano, cincuenta anos despois, alguén volverá tocar a man as campás da igrexa da Peneda. E van ser mans galegas. Hai medio século que non se fai. Portugal ten automatizadas case todas as súas igrexas e apenas hai campaneiros. Así que cos espanhois de todos os setembros esta vez chegaron á romaría uns convidados moi especiais: son oito membros da Asociación Cultural Campaneiros de Galicia, que van facer soar as campás como se facía antes, movendo o badalo a man.
"Faremos volteos e bandeos", explica Rogelio Vietes, campaneiro da asociación, "sempre e cando as campás estean en condicións. Se non, simplemente, repenicar".
Os especialistas soben ás torres e revisan as campás. A máis antiga é do 1767 e, malia que ten algo de desgaste no xugo, cren que poderá soar ben. Son os mesmos campaneiros que, con frecuencia, tocan na catedral de Santiago e xa os chamaran algunha outra vez a Portugal, para o Bom Jesus de Braga, por exemplo. Pero hoxe é moi especial, hai cincuenta anos que os montes da Peneda non escoitaban este son.
Non é país para campaneiros
Portugal ten fermosísimos campanarios pero non ten campaneiros. Na maioría das igrexas do país apostaron por automatizar o toque das campás. Un sistema eléctrico fai mover os martelos que golpean o metal e tamén hai motores que fan xirar os instrumentos. Perdéronse os toques con significado propio, os que avisaban dunha misa, os das festas ou os de defuntos.
"En España case non quedan campaneiros; en Portugal, non hai ningún", asegura Antonio Gómez, da Asociación de Campaneiros de Galicia.
Así aconteceu na Peneda, onde a música e a misa se escoitan a través de altofalantes. As campás do santuario teñen motores pero hoxe non será necesario prendelos.
Idioma propio
O son das campás utilizouse durante séculos para transmitir avisos entre a poboación, sobre todo nas zonas rurais. Cando estaba a traballar na leira ou no monte, a xente podía oir os distintos toques e saber así en que momento do día estaban ou que dicíao costume que cumpría facer. A Asociación Cultural Campaneiros de Galicia intenta preservar e transmitir esa riqueza. Non só van tocar alí onde os precisan senón que tamén imparten cursos e obradoiros para que a xente máis nova aprenda este linguaxe tradicional.
"Agora, co teléfono móbil, estás conectado. Pero antes, se estabas no agro, o toque de mediodía era un xeito de dicirche: Hai que ir curtando que é o xantar", explica Luis Canabal, outros dos campaneiros invitados á Penada.