As expresións da actual xerga de 'bros' que non entenden os 'boomers'
De chill, de locos, tipo, en plan, rollo, random, literal, bro… son algunhas das expresións máis utilizadas polos adolescentes hoxe en día
Moitos cren que, en gran medida, a introdución desta clase de vocabulario débese á irrupción das redes sociais e a unha forma de relacionarse a nivel máis global
De chill, de locos, tipo, en plan, rollo, random, literal, bro… son algunhas das expresións máis utilizadas polos adolescentes de hoxe en día. Non cabe dúbida de que os tempos cambiaron e algúns incluso apuntan que non falan no mesmo idioma.
"Ás veces falo con alguén moito máis maior e penso que que 'boomer' ou non entendo moito do que di", di un adolescente.
"Moitas cousas que se utilizan agora, por exemplo, de chill ou a palabra crush ou algo así, cando estás falando cos teus avós, quedan un pouco como 'que carallo estás contando?'", comenta outra adolescente.
"Moitas veces teño que preguntar que significa unha cousa, para que ma explique, ou buscala en Internet mesmo", asegura unha persoa duns 30 anos.
Cada xeración ten a súa propia xerga e a día de hoxe que lonxe quedaron xa as expresións que tanto triunfaban a finais do século pasado ou a comezos do 2000.
"'Efectiviwonder', 'okey, makey'... cousas así, con máis rima", afirma un home.
"'Chao, pescao', por exemplo, é moi típico, a verdade", comenta outra muller.
Moitos vinculan este cambio, entre outras cousas, á irrupción das redes sociais e as plataformas dixitais.
"Estamos influenciados, ao mellor, polas redes sociais, polo tipo de música reggaetoneira", conta un rapaz.
"Os cambios hóuboos sempre, o que pasa é que agora, se cadra, están un pouco máis marcados polas tecnoloxías e, sobre todo, pola forma que teñen de relacionarse a nivel máis global. Antes, a forma de comunicarse, as xergas, eran máis ben a nivel local, definían, sobre todo, unha zona xeográfica, un contexto concreto, e agora son máis universais", explica Xosé Soengas, catedrático de Comunicación Audiovisual.