Os acuarios domésticos, auténticos xardíns submarinos
A combinación de vida e natureza dálle un valor ornamental e tamén un efecto relaxante
Un acuario na casa é un espectáculo de luz e de vida, un ecosistema que cada vez máis se emprega con fins ornamentais.
"É como ter un xardín nas furnas, as plantas son naturais, tes que podalas, replantalas, igual ca se tiveras un xardín. É unha opción para os que vivimos en pisos", afirma Carolina Artacho, socia de Charcogal Acuarofilia Galega.
A cor das plantas, o son da auga e o movemento dos peixes crean unha estampa do máis relaxante. Un efecto que incluso corrobora a ciencia.
"A tranquilidade, o silencio, o movemento lento, a beleza das cores, a composición, a tranquilidade dos animais que están nunha contorna cómoda e facendo a súa vida ben".
E desa vida, formamos parte nós, porque os peixes tamén interactúan coas persoas.
Así o corrobora Carolina: "Vente por fóra do acuario e xa saben que lles vés traer a comida. Aí ves que te miran e te buscan".
Co Nadal ás portas, un acuario non é un regalo que se poida facer sen máis. A constancia e a responsabilidade son imprescindibles.
"Se queres telo ben tes que investir tempo. Se eres constante, se te esforzas e lle dedicas tempo acabas tendo uns resultados mellores", asegura Carolina.
Porque con tempo e dedicación, un acuario é un auténtico regalo para o sentidos.