A proliferación de pombas causa preocupación no Carballiño: estudan instalar gaiolas
Veciños, comerciantes e hostaleiros lamentan a sucidade, ruídos e molestias que ocasionan
Para a Policía Local o problema radica en que hai xente que lles bota de comer, unha práctica sancionable con ata 300 euros
No Carballiño, os veciños dos edificios afectados recorren a múltiples sistemas para espantar as pombas, pero só conseguen que se despracen uns metros, aos balcóns onde ninguén as molesta.
"Un problema que leva ocorrendo toda a vida, pero que nos últimos seis ou oito meses é recorrente. Hai xente que lles bota de comer ás pombas e temos un problema de salubridade". "Hai veces que ata cagan por un, desde os tellados", sinalan dous veciños.
"É moi malo de quitar. Hai que baldear. Pero falo hoxe e mañá volve estar todo sucio", di Yolanda Fernández, encargada da limpeza.
É unha das zonas máis concorridas da vila, chea de negocios, comercios e cafeterías que se queixan das molestias que lles ocasionan a diario, abalanzándose sobre as mesas na procura das migallas.
"Temos que andar sempre correndo coa bandexa porque tiran con todo, rompen todo... Tamén hai quen lles dá de comer, por iso volven. Son moi listas", explica unha hostaleira.
O Concello vai contratar unha empresa para controlar a poboación mediante a instalación de gaiolas, pero para o responsable da Policía Local a solución pasa tamén por concienciar a veciñanza para que non lles boten de comer.
Paco Valeiras, xefe da Policía Local do Carballiño: "Caldeiros de pan ou de penso. E iso é un problema, porque as pombas acaban volvendo sempre ao mesmo sitio. Ao mellor hai que concienciar a xente, buscar formas alternativas a levar as pombas por diante, porque van volver aparecer".
A ordenanza municipal de seguridade cidadá contempla sancións de 30 a 300 euros por alimentar as pombas.