Xa son 52 os afectados polo peche da clínica dental de Moaña
As perdas ascenden a máis de 250.000 euros e non se desbota que afloren novos casos
Xa son 52 os estafados pola clínica dental de Moaña que pechou a principios de mes sen rematar as intervencións. Estímanse unhas perdas de máis de 250.000 euros e os afectados consideran que van aflorar novos casos.
Contrataron un avogado, están a denunciar na Garda Civil e tamén en Consumo, e este xoves reúnense co Concello de Moaña, que tamén lles está a brindar o seu apoio.
Iago Boubeta pagou 12.000 euros por uns servizos que non recibiu na súa totalidade.
Non é o que máis cartos perdeu, hainos que pagaron vinte mil euros, e ademais de que non lles fixeron as intervencións contratadas, continúan a pagar as financeiras. Pilar del Río quedou cos puntos postos despois dunhas extraccións e tivo que acudir a outra clínica para sacalos.
Comunicáronlles por WhastApp ou SMS o peche temporal da clínica e xa non lles volveron coller o teléfono máis.
A maioría dos afectados contratou un coñecido avogado moañés, que confía en que haxa unha solución como en Dentix, aínda que a casuística é moi diversa.
Non é a primeira vez que as propietarias esta clínica deixan tirados os clientes noutros puntos de Galicia, xa o fixeron polo menos en tres ocasións anteriores.