Acordo entre o servizo de limpeza viaria da Coruña e a concesionaria, pero non cos de residuos
Acordo entre o servizo de limpeza viaria da Coruña e a concesionaria, pero non cos de residuos
Acadaron un incremento salarial do 17 % en cinco anos
Agora falta o acordo cos de residuos cando hai lixo acumulado nos colectores e na rúa
A Policía Local prendeu un home pola queima de tres colectores durante a noite
Os empregados da limpeza viaria da Coruña, tras acadar melloras salariais e sociais, chegaron a un acordo coa empresa concesionaria do servizo, a UTE Limpeza A Coruña, formada por FCC Medio Ambiente e Ingeser Atlántica, para poñer fin á folga aprobada o pasado 4 de marzo.
"Asinamos a paz social", aseguran do Sindicato de Traballadores da Limpeza (STL), aínda que o comité de empresa ultima este xoves os últimos detalles do acordo coa entidade. Os traballadores solicitaron unha suba salarial de acordo co IPC, previamente pactado e non aplicado.
Acadaron un incremento salarial do 17 % en cinco anos, que aplicará este ano un 4 %, con efecto retroactivo a partir do 1 de xaneiro, outro 4 % o ano que vén, e un 3 % en cada un dos tres anos seguintes.
O acordo pon fin a máis dun mes de conflito que levou á a cidade á situación de emerxencia sanitaria.
A Policía Local da Coruña prendeu un home de 39 anos pola queima de tres colectores a madrugada pasada
A Policía Local da Coruña prendeu un home de 39 anos pola queima de tres colectores durante a madrugada pasada. A alcaldesa, Inés Rey, expresou a súa firme condena destes actos.
Nas rúas da Coruña acumúlanse os colectores cheos e hai moreas de bolsas nas beirarrúas porque dos 27 camións que deberían saír a recoller o lixo só o están a facer 16.
Os cidadáns seguen queixándose da acumulación de lixo e tamén dos residuos que hai esparexidos polas rúas. Algún veciño di que xa se viu forzado a realizar tarefas de limpeza.
A estas queixas súmanse as dos hostaleiros, que din que esta situación prexudica os seus negocios.
Nas últimas horas os sindicatos dos residuos recoñecen un achegamento de posturas coa súa empresa, malia que, polo momento, non hai acordo.