Publicador de contidos

Publicador de contidos

O prezo dun piso en alugueiro en Galicia subiu un 7,4% de media este ano

O prezo dun piso en alugueiro en Galicia subiu un 7,4% de media este ano

O desequilibrio entre a oferta e a demanda dispara os prezos e complica a busca de vivenda

G24.gal 08/11/2025 13:54

A escasa oferta e a alta demanda manteñen tensionado o mercado do alugueiro en Galicia. Atopar vivenda complicouse.

"Alugar, antiguamente, era máis sinxelo. A xente elixía zona, dicíannos quero un piso en tal zona e a tanto de prezo. Actualmente buscan unha vivenda e punto", explica Pablo Campos, socio da inmobiliaria Beneite de Vigo.

Nesta inmobiliaria de Vigo acumulan solicitudes e normalmente xa non chegan a publicitar os pisos que lles entran.

"Puxemos un anuncio en horario laboral, ás 10:30 da mañá, e ás menos vinte e cinco escribírannos catorce persoas e o teléfono soaba coma se isto fose un concurso da televisión", conta Pablo Campos.

A falta de vivenda dispara os prezos. Segundo datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, os alugueiros subiron de media un 7,4% respecto do ano pasado. A cidade máis cara é A Coruña, seguida de Vigo, que chegou a máximos históricos.

"Un estudio é complicado atopalo por menos de 500 €. Os pisos dun dormitorio están por riba dos 600, normalmente. De dous dormitorios, 650, 750, 850. De tres dormitorios, xa de 900 para arriba", puntualiza Pablo Campos.

Pablo Campos lamenta que non saian máis pisos en alugueiro polo temor dos propietarios a impagos e ocupacións.

"Son casos puntuais. A realidade é que o 90% dos inquilinos non dan ningún problema", afirma.

Conta que ás veces os propietarios só están dispostos a alugar a un perfil concreto de inquilinos e poñen requisitos como que sexan funcionarios e que estean casados.

"Creo que estamos chegando a límites que non se poden sobrepasar. É unha cuestión de ética", subliña.

Hoxe en día é frecuente establecer un seguro de alugueiro, que ten que pagar o propietario, para seguir percibindo a renda mentres se inicia un proceso de negociación ou de desafiuzamento, en caso de que o inquilino non pague.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade