Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un centenar de expositores participan na novena edición da feira Etiqueta Negra

Un centenar de expositores participan na novena edición da feira Etiqueta Negra

É un escaparate para dar a coñecer alimentos e bebidas de calidade que se fan en Galicia e catalos no lugar.

A feira segue aberta este luns día 10

G24.gal 09/11/2025 20:41

A novena edición da feira Etiqueta Negra reúne en Pontevedra un centenar de produtores. Para algúns é a primeira vez, como para estes adegueiros que traen uns viños feitos á man.

"É un viño de uva seleccionada na cepa. Facemos branco e tinto", explica o adegueiro.

Outros son habituais, que aproveitan para presentar as súas novidades como estes produtores de razas autóctonas galegas.

"Fixemos un guiso italiano de tenreira, unha boloñesa e un polo á toscana con polo de Mos. Algo pensado para abrir o bote, quentalo e consumilo no momento", conta un dos produtores de carne.

Caramelos con sabor a queimada que se suman aos de pemento.

"Están superbós, unha dozura na boca, espectaculares, moi ricos", di unha rapaza que os acaba de probar.

Ou froita deshidratada en lámina que semella salame.

"Os amorodos máis pequenos da nosa produción, que antes eran case un desperdicio, agora poñémolos en valor facendo estas láminas, facemos unha especie de puré e deshidratámolo", explica o proceso o produtor.

"Produtos diversos, queixos, carnes, todo o mundo quere vir e aproveitar este escaparate para que se vexan as súas novidades", conta Vanesa López Chousa, unha das que está na organización da feira.

A feira abre este luns. E unha das degustacións correrá por conta do alumnado do centro Carlos Oroza, con produtos locais.

"O que facemos é aproveitar a calidade do produto galego, do que temos máis preto e tirar dunha cousa moi boa que temos na terra", din os alumnos do CIFP Carlos Oroza.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade