Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reabre a praza de abastos de Cee, despois de ano e medio pechada por reformas

Reabre a praza de abastos de Cee, despois de ano e medio pechada por reformas

Durante as obras trasladaran os postos a distintas localizacións provisionais: agora celebran volver xuntarse

Carnicería no novo mercado de Cee
G24.gal 19/11/2025 14:25

Había expectación na estrea do novo mercado de Cee, e non defraudou. Clientes e comerciantes quedaron satisfeitos cunha reforma que os botou fóra cousa de ano e medio. 

"Tiñamos moitas ganas de volver, esperamos ano e medio pero pagou a pena", di Silvia González, dona da froitería. Outro froiteiro, Juan Bouzas, celebra o aumento de espazo no posto. "Temos máis espazo e é máis luminoso", confirma a panadeira Chus Areas.

Os postos de froita, pan e carne atendían provisionalmente no centro comercial, e as peixerías noutro local próximo. Din que non houbo queixa nas vendas, pero botábanse de menos, porque na praza son "unha gran familia", di Chus. Á alegría do reencontro súmase a confianza en que, ao volver concentrarse no mesmo espazo, uns tiren dos outros e atraian mais clientes.

"A moita xente facíaselle incómodo ter que ir a un sitio pola carne, a outro polo peixe, era máis complicado" explica Valentín Amigo, carniceiro. 

A praza reabriu con todos os postos alugados: hai unha carnicería, dúas tendas de froita e verdura, panadaría e catro peixerías. Estréase unha nesta reapertura: é o paso adiante que deu unha empresa de venda ambulante de peixe para adaptarse ao mercado.

"Nas aldeas e nas casas hai menos xente, vemos que o volume de negocio vai baixando e hai que buscar alternativa", explica o propietario, José María Pais.

O mercado ten previsto abrir tamén postos efémeros para a campaña do Nadal, cafetería e unha área de eventos culturais. A idea é atraer xente e movemento á nova praza de Cee. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos