O prezo da carne de tenreira sobe un 12% nos mercados en doce meses
A día de hoxe páganse máis de 400 euros polos becerros acabados de nacer e máis de 600 polos de 50 días
O prezo en canal da IXP tenreira galega aumentou un 30% en tres anos, case dous euros por quilo
Os expertos falan dun desequilibro no sector, porque a demanda mantense, pero o número de cabezas diminúe
Si, xa é complicado atopar nos mercados carne de tenreira por menos de 20 euros o quilo. O prezo do vacún incrementouse un 12% no que vai de ano e é dos produtos que máis soben da cesta da compra.
"A carne está carísima. Os solombos, que é o que adoito mercar eu para a rapazada está, buah!".
"Levo algo, pero está cara sen lugar a dúbida, sobre todo a de tenreira".
"Levamos si, que hai que mercar carne, pero está caro".
A produción de vacún pasa por un momento histórico en Galicia. Os gandeiros que non hai moito tiñan problemas para vender os becerros, agora danlles saída con prezos rendibles.
"Desde hai un ano e medio para aquí subiu bastante. Casi diría que unha suba de mes a mes", di o gandeiro Jonathan Cives.
Os importes que perciben polos animais xa duplican ou mesmo nalgunhas categorías triplican os rexistrados en 2019. A demanda de carne nos mercados mantense ao tempo que se reduciu a cabana de gando vacún e que soben os custos de produción.
"As granxas cerraron e tampouco abren. E menos agora porque ningún negocio vai abrir cando está no seu tope máis alto, cando custa máis crear o negocio. E isto vai ir a peor porque ninguén quere estar comprometido 365 días ao ano", explica Cives.
Nesta escalada de prezos tamén inflúe o incremento das exportacións de carne española a mercados europeos e do norte de África.