Unha planta invasora que 'decora' os montes galegos
As mimosas conquistan 2.500 hectáreas ao ano en Galicia
Complican a extinción de incendios porque arden debaixo da terra
Calculan os expertos que as mimosas se expanden a un ritmo de 2.500 hectáreas ao ano en Galicia. "No Ribeiro, entre o 80 e o 90 por cento do territorio", asegura Pablo Rodríguez Oitabén, fundador de Ridimoas, unha asociación que recupera o bosque autóctono. Os últimos terreos que mercaron foi para liberalos de mimosas porque xa ameazaban as casas, un perigo en caso de incendio.
"Isto arde coma se fora turba. Non es capaz de apagar o lume. Pódelo apagar na parte superficial, pero segue ardendo na parte subterránea", explica Oitabén.
Os aneis indican que estas mimosas teñen máis de vinte anos. Para arrincalas tiveron que recorrer a unha empresa especializada. Un esforzo económico que os veciños non poden asumir. "Estes metros cadrados de aquí e os da Barbaña, outra parcela, suman 5.000 e custaron 16.000 euros", sinala.
Alerxias
En plena floración, interesámonos tamén polas alerxias, pero o pole das mimosas non é preocupante.
"O pole das mimosas cae arredor das árbores, non está no aire. Normalmente, o pole que dá alerxia é o que está no aire", explica a alergóloga Susana Varela.
A temporada xa está rematando e ata o ano que vén non volverán colorear os montes.