Un profesional localiza terreos forestais herdados que están sen rexistrar
Revisa os fondos documentais do catastro e dos arquivos para poder rexistrar a herdanza
Acode ao monte para constatar a correspondecia dos terreos cos documentos
Cando un recibe nunha herdanza leiras de monte nas que nunca estivo, dar con elas vólvese todo un traballo de investigación. Por iso, xorden oficios novos, como o dun emprendedor de Noia que se dedica a rastrexar os arquivos e percorrer os montes ata atopar cada propiedade.
Como chegar desde unha folla dun testamento ata un terreo cheo de madeira ao e que se lle pode sacar produtividade pero que quedou abandonado. No mundo da hiperconexión non hai aínda aplicación que nos sitúe automaticamente nesa leira que un notario rexistrou nos tempos dos nosos bisavós con nomes que xa non existen, gabias en lugar de coordenadas, marcos de pedra enterrados hoxe pola vexetación, ou lindeiros con outros herdeiros que saben dos seus bens tan pouco coma nós.
"A xente cando intenta poñer orde nas herdanzas dáse de conta de que ás veces non están a nomes dos pais, nin dos avós ou bisavós. Entón o que pasou foi que pasaron a estar baixo titularidade descoñecida", explica Manuel Luís Somoza, de Xespromon
Ao non actualizarse as titularidades no catastro, a busca hai que retrotraela aos arquivos, que Manuel revisa seguido.
"Tes que recorrer a rexistros históricos como poden ser os arquivos provinciais. Na Coruña hai o Arquivo do Reino de Galicia, en Lugo, Ourense e Pontevedra os provinciais. É ir investigando e buscando as cédulas de propiedade da xente naquela data, en 1958, que foi cando se catastrou rústica por última vez de forma intensa. Aí podes atopar o que había a nome dos bisavós", aclara Somoza.
E despois hai que poñer iso sobre terreo, porque sendo propietarios ademais de ter un valor económico, temos responsabilidades, por exemplo de limpeza cando o monte está afectado pola faixa de prevención de incendios forestais.
"No catastro tes un plano que se ve moi bonito pero cando chegas ao lugar o camiño que viches ou non o hai, ou hai un valado e non podes chegar a el... e a cousa complícase", di Somoza
Todo sexa por recuperar o que é dun, sacar do abandono as nosas terras e devolverlles o valor que lles deron os que nos precederon.