Publicador de contidos

Publicador de contidos

A serra da Capelada, un modelo de silvopastoreo contra os incendios

A serra da Capelada, un modelo de silvopastoreo contra os incendios

Os cabalos e as vacas no monte garanten que non haxa biomasa en exceso que poida arder

Cada animal limpa entre cinco e dez hectáreas de terreo

G24.gal 14/09/2025 18:50 Última actualización 14/09/2025 20:24

Na serra da Capelada levan anos co silvopastoreo. Unha forma de xestionar o monte para evitar, por exemplo, grandes incendios. Cabalos e vacas mantéñeno limpo dun xeito máis económico. Nesta zona a xestión do territorio é mixta: gandeira e forestal, e levan décadas sen un gran lume.

Un volume baixo de biomasa é garantía de que non hai combustible no monte para que se produza un incendio grande, sábeno ben os gandeiros que fan silvopastoreo. 

"Estes animais son moi beneficiosos porque comen toda a maleza que sae, as brañas e os toxos e entón manteñen un nivel de biomasa baixo para que non haxa moito volume. Iso é fundamental para que en caso de incendio este se poida apagar rapidamente. Eu teño corenta anos e aquí grande incendio non tivemos ningún e moito é debido a este xeito de xestionar o monte", explica Ismael Durán, gandeiro da serra da Capelada.

Nesta serra andan ceibos animais de medio cento de gandeiros que van mudando de zona en función da comida que atopan.

"En toda a serra pode haber entre 300 e 400 cabalos. Cada un pode xestionar entre 5 e 10 hectáreas", di Durán.

E compleméntanse coas vacas que pacen as zonas de pasto. Facer limpeza da maleza con medios mecánicos supón un gasto grande para os propietarios, moito maior ca pastorear en zonas forestais.

"Se ti para ter unha leira en condicións óptimas sen animais terías que rozala  todos os anos, tendo a combinación de cabalos e vacas igual a tes que limpar cada cinco anos de maneira mecánica. Con iso evitas un gasto moi grande", asegurou o gandeiro.

Recoñecen a falta de remuda xeracional entre os gandeiros para manter este sistema e tamén que é difícil soster a cabana de animais polos ataques do lobo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade