Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un teito sen casa, por María Bastida

OPINIÓN

Un teito sen casa, por María Bastida

María Bastida 19/11/2025 07:41

Tecnicamente, o Goberno pode aprobar un teito de gasto expansivo. Pode facelo porque prevé máis ingresos, o crecemento aínda empuxa e Bruxelas non quere abrir outra fronte agora mesmo. Ata aí, todo correcto. Desde o punto de vista macroeconómico, defendible. Pero o problema é que non ten maioría para converter ese teito en Orzamentos.

España leva tres anos funcionando con contas prorrogadas. Tres. E o Goberno preséntao como un éxito porque a economía segue crecendo. Pero que o PIB avance non converte en sostibles unhas finanzas públicas que operan cunha planificación limitada e moi condicionada pola inercia institucional. Nunha democracia consolidada, a prórroga orzamentaria debería ser unha excepción. Aquí é rutina.

A senda de consolidación fiscal prevista descansa principalmente nunha evolución favorable dos ingresos e no crecemento económico. Con todo, persiste a necesidade de avanzar nunha revisión do gasto, unha modernización de estruturas administrativas e, en xeral, unha planificación de medio prazo máis clara. Sen eses elementos, a redución do déficit acaba sendo demasiado dependente do ciclo e non de decisións estruturais.

A isto súmase a situación da Seguridade Social. A AIReF sinálao con claridade: o equilibrio do sistema depende de transferencias crecentes do Estado. Iso non equivale a sustentabilidade, implica trasladar axustes cara a adiante. Chegará un momento no que haberá que decidir entre subir impostos, recortar outras partidas ou abordar unha reforma máis profunda das pensións. Ignorar esta realidade non a fai desaparecer.

Tampouco é coherente falar de responsabilidade fiscal cun sistema de financiamento autonómico caducado desde 2014, con fendas crecentes entre rexións e cunha reforma que segue bloqueada pola aritmética parlamentaria. Manter un modelo territorial obsoleto mentres se invoca a estabilidade orzamentaria é, como mínimo, contraditorio.

A miña diagnose é sinxela: non se aproban Presupostos porque non hai apoios; non se reforma o financiamento autonómico porque non hai apoios; non se revisa o gasto porque ninguén quere asumir o custo político. E, nese contexto, proxéctase unha normalidade que non existe. O teito de gasto non é o problema; a provisionalidade, si que o é. E a provisionalidade, cando se prolonga, deixa de ser unha solución temporal para converterse nun modelo de xestión. Un modelo que limita a capacidade do país para planificar, decidir e anticiparse.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar