O alcalde de Vigo asegura que Balaídos terá unha capacidade de 43.000 "con ou sen Mundial"
Caballero sinalou que "Vigo non está contra ninguén" e quere que tamén entre Valencia como sede
Volveu criticar a xestión do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este martes que o estadio municipal de Balaídos vai ter un aforo de 43.000 espectadores sexa ou non sede do Mundial de 2030.
"Déannolo ou non nolo dean, sexamos Mundial ou non sexamos Mundial, imos facer un campo de 43.000 espectadores", proclamou o rexedor vigués nun audio remitido aos medios de comunicación.
Nel volve criticar a xestión do presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán, a quen responsabiliza de que Vigo, por agora, siga sen ser sede de Mundial.
Caballero insistiu en que "cando acabe a obra, que está en marcha neste momento", Balaídos alcanzará ese aforo.
"Non só son declaracións miñas, é que a nosa proposta para ser sede do Mundial ante a Federación Española xa foi de 43.000, xa foi ampliando unha bancada a tribuna", relatou o alcalde.
Caballero sinalou que "Vigo non está contra ninguén" e quere que tamén entre Valencia como sede.