Os Xogos Mundiais de patinaxe acaban con once medallas galegas
O vigués Chevi Guzmán foi unha das estrelas da delegación española, ao acadar cinco medallas, tres delas de ouro
Manu Taibo levou dúas medallas (ouro e bronce) e os xogadores de hóckey María Sanjurjo e Hugo Mareque tamén acadaron o ouro
Remataron en Paraguai os Xogos Mundiais de patinaxe. O balance para a delegación española foron 37 medallas (12 ouros, 15 pratas e 10 de bronce) con especial protagonismo para os deportistas galegos. Ata dez metais viñeron para Galicia con especial protagonismo do velocista vigués Chevi Guzmán.
Guzmán gañou cinco medallas. Tres de ouro e dúas de prata. Na proba dos cen metros estableceu unha mellor marca mundial con 9.46. No ouro da contra o reloxo por equipos estivo acompañado polo patinador de Oleiros Manu Taibo que conseguiu dúas medallas. A ese ouro engadiu un bronce na proba do maratón.
Chevi Guzmán e Manu Taibo puxeron o punto e final á participación galega. Con anterioridade a xogadora coruñesa de hóckey a patíns María Sanjurjo pendurara o ouro logo de gañarlle na final a Arxentina. Na final sub 19 masculina foi Hugo Mareque o que tamén logrou a vitoria final e participando de xeito decisivo cun gol no derradeiro partido. O patinador Unai Cereijo acadou a prata sénior en patinaxe artística. E o júnior David Rama pendurou o bronce na mesma modalidade.