A alcaldesa de Santiago apela aos grupos para pagar as horas extra a bombeiros e policías
Goretti Sanmartín defende que a é posible realizar a liquidación malia o informe da interventora municipal que pon reparos, e asegura que as cantidades están xustificadas
A nacionalista explica que traballan para solucionar a orixe do problema con novas prazas e contratacións
A alcaldesa de Santiago, a nacionalista Goretti Sanmartín, confía en solucionar "nas próximas semanas" o conflito con policías e bombeiros da capital polas horas extras que o Concello lles debe. Situación que motivou problemas na prestación dos servizos ante a negativa dos funcionarios a traballar fóra da súa xornada laboral.
Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, Sanmartín explicou que hoxe se celebrará unha nova xuntanza en que se abordarán as demandas salariais dos funcionarios, á espera do pleno deste venres. Sesión plenaria en que o Executivo local quere liquidar a débeda das horas extras e festivos que supera os dous millóns de euros.
Sanmartín recoñece que existe un informe da intervención municipal que amosa reparos ao pagamento pero a rexedora di que "hai informes dos servizos onde se xustifica as liquidacións".
A alcaldesa apela aos grupos da oposición para que apoien a iniciativa porque "esas cantidades están xustificadas e hai que pagalas. Creo que o conxunto da corporación debe actuar con responsabilidade. Esta era a primeira demanda que tiña o colectivo. Despois hai outras demandas salariais que estamos atendendo. Estamos mirando o encaixe orzamentario, cal é o encaixe xurídico para poder atendelas e encamiñar a resolución deste conflito".
Goretti Sanmartín asegura que se trata "dun problema herdado" e que "existe un problema histórico que ten que ver coa taxa de reposición de efectivos e a imposibilidade de contratacións durante anos".
Explica que quedou "un parque minguado pola redución dos efectivos". A alcaldesa explicou que o Goberno local traballa para solucionar a orixe do problema con novas convocatorias de prazas e contratacións.