Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un incendio calcina un alpendre en Quiroga

Un incendio calcina un alpendre en Quiroga

A cuberta colapsou coas lapas, que provocaron danos por valor de máis 15.000 euros

O pendello quedou sen o teito
Félix Aragunde 11/11/2025 20:04

Do alpendre dunha vivenda da Ribeira, na parroquia quiroguesa do Hospital, só se manteñen en pé as paredes. O resto quedou arrasado polas lapas tras declararse un incendio. No interior da palleira gardábanse apeiros de labranza, cubas de madeira, unha carretilla ou unha bicicleta que pertencía a un veciño.

"Eu o único medio de locomoción que teño é a bici, porque vivo aí arriba nunha aldea. Agora vouna botar en falta, e menos mal que teño outra de reposto", sinala osé Alberto Álvarez, dono da bicicleta calcinada. 

"En cousa de media hora, colapsou o teito e xa quedou todo así. E avisamos axiña", afirma Carlos Manuel Antoranz, esposo da dona do alpendre. 

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros do parque comarcal de Monforte e mais unha carroceta municipal de Quiroga, que estiveron a traballar durante unha hora en evitar que as lapas se propagasen a outras vivendas.

Tocante á orixe do lume, descoñécense as causas, pero o certo é que os fortes refachos de vento e a presenza de material altamente inflamable fixeron que o pendello ardese enseguida.

"Cando me dei de conta, saía fume de aquí e vimos que estaba xa o lousado ardendo. Debeu de ser do vento que había, que levantou algunha chispa ou que fose, e como aquí nada máis que tiñamos palla e moitas caixas de cartón, a cousa foi así", explica Carlos Manuel.  

Os donos da palleira estiman que serán necesarios máis de 15.000 euros para poder arranxar o inmoble.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade