Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un raio provoca un incendio no faiado dunha vivenda na Guarda

Un raio provoca un incendio no faiado dunha vivenda na Guarda

Alcanzou a antena de VHF que tiña no tellado e tamén afectou a subministración eléctrica do lugar da Gándara

G24.gal 15/11/2025 09:31 Última actualización 15/11/2025 11:03

Un raio alcanzou onte á noite unha casa do lugar da Gándara, no concello da Guarda, e provocou un incendio que mobilizou os servizos de emerxencia.

Cando chegaron os efectivos, as persoas que residían na vivenda xa estaban fóra e lograran poñer a salvo as súas mascotas, dous cans e varios gatos.

"Fomos alertados sobre as 22:00 horas dun incendio nunha vivenda provocado pola caída dun raio que alcanzou a antena de VHF que tiñan no tellado. Cando chegamos ao lugar, as lapas xa saían pola fiestra do faiado e estendéranse polo falso teito de PVC", conta Santiago Pombo, do GES da Guarda.

Os bombeiros lograron sufocar as lapas no faiado e impediron que se espallasen polo resto da casa.

"Foi bastante laborioso porque había moita roupa, electrodomésticos e mobles".

Tras extinguir o lume, os efectivos fixeron labores de ventilación para despexar o fume acumulado e aseguraron a zona. 

O raio tamén afectou a subministración eléctrica de varias vivendas e do alumeamento público.

No operativo participaron membros da Garda Civil, do GES da Guarda e dos Bombeiros do Baixo Miño.

Segundo informa MeteoGalicia, nas últimas 24 horas detectáronse 37 raios na comunidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar