Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Grove comeza a campaña da centola con expectativas optimistas pola alta demanda

O Grove comeza a campaña da centola con expectativas optimistas pola alta demanda

Uns cincuenta barcos botáronse ao mar para largar os miños e recollelos a partir desta medianoite

O sector confía en obter bos prezos, xa que hai bastante demanda

O luns celébrase a primeira poxa da temporada na que se decidirá o prezo do molusco e a evolución da campaña

 

G24.gal 09/11/2025 14:31

Apenas raiaba o día, e varios barcos partían do porto do Grove para botar os miños, as artes de pesca, que a partir desta medianoite poderán recoller e comezar así oficialmente a campaña da centola, unha das máis importantes do ano para o sector e tamén para as festas do Nadal.

"Pertencentes á confraría do Grove, sobre cincuenta, a maioría do porto do Grove pero outros tanto de Pedras Negras como de Porto Meloxo", aclara Antonio Manuel Otero, vicepatrón primeiro da Confraría de Pescadores de San Martiño do Grove.

Cada barco está autorizado a recoller 35 quilos e outros 35 por cada mariñeiro a bordo. En principio, as condicións meteorolóxicas apuntan cara a unha boa captura. O ano pasado, o primeiro día de lonxa acadouse un prezo de 27 euros o quilo. Mañá serán os compradores os que decidan na poxa o futuro da campaña.

"Esperemos que os compradores veñan con ganas. Sabemos que vai vir xente de Asturias e Lugo a mercar, máis os de aquí, e o mercado está demandando centolo. Penso que vai haber prezo", confía o vicepatrón do Grove.

Centolos e centolas son os verdadeiros protagonistas das festas do Nadal, e adiantar ou non a súa compra dependerá da evolución do prezo na campaña.

"Recomendo que no momento que poidan aos que lles gusten, que compren. Despois se hai moitos e queren conxelar para o Nadal, que aí pois igual andan a corenta ou cincuenta euros o quilo, aí xa depende do peto de cada un", aconsella Antonio Manuel Otero.

Tras varios meses de veda, os barcos volverán saír esta noite pero xa desta vez para recoller os froitos da longa espera.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade