Publicador de contidos

Publicador de contidos

Washington escintila no 250 aniversario dos EUA cun espectáculo histórico

Washington escintila no 250 aniversario dos EUA cun espectáculo histórico

Nunha exhibición en plena vaga de calor, lanzáronse 850.000 proxectís pirotécnicos dende dez puntos distintos

Trump enxalza a grandeza do seu país e asegura que ninguén poderá emular o poderío da nación norteamericana

Na ponte de Brooklyn, en Nova York, os fogos artificiais provocaron un pequeno incendio

REUTERS/Elizabeth Frantz
G24.gal 05/07/2026 09:12 Última actualización 05/07/2026 14:12

Os festexos polos 250 anos da Independencia dos Estados Unidos chegaron ao seu clímax na madrugada deste domingo cun grande espectáculo de fogos artificiais en Washington, o maior do seu tipo na historia da capital.

Durante unha sufocante vaga de calor, con incidentes incluídos, lanzáronse 850.000 proxectís pirotécnicos dende 10 puntos diferentes: o estanque reflector do monumento a Lincoln, oito barcazas no río Potomac e o parque West Potomac.

Cun despregamento de 40 minutos, o dobre do habitual de acordo coa organización, a administración Trump quixo transformar este "fito único" nunha marca mundial. 

"Non é simplemente outro Día da Independencia. É o 250 aniversario dos Estados Unidos. E a historia só ocorre unha vez", asegura nun comunicado Danielle Álvarez, asesora de Freedom 250, unha entidade creada pola Casa Branca para programar actos alternativos aos eventos planeados pola organización non partidista America250.

REUTERS/Jonathan Ernst REUTERS/Jonathan Ernst

"Ninguén pode ser coma nós"

O show comezou dúas horas despois do previsto, arredor da medianoite, despois dun discurso do presidente na Chaira e varias demostracións de avións militares, nuns festexos deslucidos polas altas temperaturas.

Donald Trump enxalzou a grandeza dos Estados Unidos e asegurou que ninguén poderá emular o poderío da nación norteamericana.

"Durante 250 anos os Estados Unidos de América foron a esperanza, a promesa, a luz e a gloria entre todas as nacións do mundo, en todo o planeta. Intentan ser coma nós. Ninguén pode ser coma nós", dixo o mandatario que quedou a ver os fogos, unha tradición deste festivo.

Ás portas das eleccións de medio mandato, reiterou as súas advertencias sobre a ameaza do comunismo. Ademais, aproveitou para defender a súa reforma electoral que endurece os requisitos para rexistrarse e poder votar.

REUTERS/Elizabeth Frantz REUTERS/Elizabeth Frantz

Incidentes

A imaxe dun raio impactando sobre a Casa Branca serve para ilustrar o axitada que foi a celebración. A emblemática Chaira Nacional de Washington tivo que ser evacuada temporalmente por unha tormenta que deixou descargas eléctricas e ventos fortes. 

Pero é que antes da intervención do presidente dos EUA, xa tivera que se aprazar o espectáculo polas altas temperaturas. En Washington chegaron aos 39 graos.

A vaga de calor, que afecta o 70 % do país, obrigou a cancelar outros eventos, como os tradicionais desfiles na capital e Filadelfia, onde se asinou a Declaración de Independenia no 1776.

En Nova York, onde os termómetros tamén están disparados, os festexos foron aínda máis accidentados. Os fogos artificiais deron paso a un pequeno incendio na ponte de Brooklyn.

Así que, por primeira vez, o discurso de Donald Trump non foi o máis incendiario da noite.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade