Volven cortar o valado que impedía pasar a vía do tren nun punto perigoso de Padrón
Co corte da barreira é doado atravesar a vía por unha zona de moi pouca visibilidade entre Iria e Pedreda
Investigan quen cortou o dobre valado que impedía atravesar a vía do tren por un punto entre Iria Flavia e Pedreda, en Padrón. O Concello apura a reposición da barreira ante o alto risco que supón pasar dun lado ao outro nun tramo curvo de ferrocarril en uso. Jose ten a casa ao lado da vía.
"Aínda hai pouco cruzaron uns peregrinos por esa parte. O problema vén dado porque este é o acceso ao antigo Camiño de Santiago, o Camiño Portugués. Pero cando se pechou a vía, xa hai anos, porque era moi perigoso, o Camiño desviouse por riba, pola aldea de Pedreda, onde vivo eu. Pero parece ser que hai xente que non quere ou non lle apetece facer o Camiño como se debe, que é máis seguro, e seguen a cruzar por ese lado. Non sabía que romperan (o valado)".
Esta falcatruada permite o acceso doado a unha vía en que houbo atropelos mortais.
"Onde estamos agora mesmo xa houbo un accidente en que morreron catro persoas cando isto non estaba pechado e, por esa mesma razón, aquilo pechouse despois. Porque aquilo non podía estar aberto. Pero é igual, porque seguen a atravesar como lles peta", explica Jose.
O ADIF instalou anos atrás, do outro lado, unha barreira metálica forte como medida disuasoria para quen procura, temerariamente, un atallo que pode ser mortal.