Volven as visitas á lonxa de Burela, agora con guía
De luns a xoves en xullo e agosto e previa reserva
Un xeito de coñecer os segredos dunha das lonxas máis importantes de Europa
É a porta de entrada de pescada, o bonito ou a xarda que mañá teremos no prato. Pero o que acontece dentro da lonxa é un segredo que en Bruela só desvelan para os non iniciados durante o verán.
"É a primeira vez que vimos a unha lonxa e ver o peixe así acabado de pescar é como que te chama a atención", conta unha turista madrileña. "A cantidade de peixe que estamos vendo, que a verdade é que é bastante espectacular", engade, ao seu carón, un mozo.
Aquí se produce cada ano a primeira venda de 15.000 toneladas de peixe, o 15% de todo o que se desembarca en Galicia. Aínda que automatizado desde 2021, mantense o tradicional sistema de poxa. "É como se a xente respirase esta tensión dos compradores e como hai que estar moito ao quite para coller o mellor prezo e que non quede o compañeiro co lote", explica o guia, Boris Vilar.
Desde este ano, as visitas son guiadas, unha axuda que o visitante agradece. "Estes peixes tamén os temos no Mediterráneo, pero este mozo estanos dando unhas explicacións moi interesantes", admite un deles.
"Cando hai unha persoa que che pode ensinar, ademais do que é a venda, o contexto de Burela como porto, eu creo que é unha experiencia máis enriquecedora e a xente dalle máis valor ao produto, que é o que se busca", conta o guía.
As portas da lonxa de Burela estarán abertas, previa reserva, de luns a xoves en xullo e agosto.