O pan galego tamén tira do turismo
As panaderías de Ourense triplican ou cuadriplican as vendas en agosto e os visitantes levan pan, empanada e bica para casa
O verán acende os fornos en Galicia. A Cea chegan turistas atraídos expresamente pola fama do seu pan e que, despois de coñecelo, non marchan cunha soa peza.
“Vai aumentando pouquiño a pouco, en xuño un pouco, en xullo outro pouco e en agosto triplicouse ou cuadriplicouse, sobre todo de xente que vén de veraneo, fai turismo gastronómico e cando marcha leva todo o pan”, di Rosa de la Fuente, da Panadería Calviño.
Elaborar cada fornada leva unhas cinco horas de traballo artesanal, pero as pezas voan dos estantes en minutos. Ata o forno chegan turistas atraídos pola Denominación de Orixe, e mesmo profesionais do sector.
A panadeira conta que “temos moito turista nacional, tamén vén moita xente de autocaravanas. Veume un panadeiro xaponés e estivo compartindo conmigo unha fornada”.
E entre os visitantes, unha parella chegada de Burgos ten claro por que fixo a viaxe: “el pan tiene denominación de Origen y queremos probarlo por primera vez para poder repetir, que yo creo que sí”.
Na Praza de Abastos de Ourense a tendencia é semellante. Pan, pero tamén bica e empanada, produtos que os turistas descobren e que moitas veces acaban levando de volta para a casa.
“Véndese máis pan, máis bica, máis empanadas, que a xente vén ao típico de aquí, próbano e como é un produto rico, antes de marchar sempre te encargan para levar, a empanada”.
Moitos non agardan a chegar á casa e piden cortalo ao momento para merendar na rúa, mentres que os veciños teñen clara a razón desta atracción.
Un veciño de Ourense explica que “como alá non hai deste pan, o único sitio onde o poden comer ben é aquí. O que hai por alá non é o mesmo”.
“Cando imos a Madrid gústanos levar cousas de aquí como é o pan ou a empanada”, di un visitante.
O pan, a artesanía do forno galego, converteuse así nunha lembranza máis da viaxe: un sabor de Galicia que os turistas descobren en Ourense e que, cada vez máis, levan tamén na maleta.