Comisados máis de 100 quilos de berberechos extraídos de forma ilegal en Corrubedo
Os axentes sorprenden a seis furtivos extraendo o marisco no parque natural tras dúas xornadas de vixilancia nocturna con visores térmicos
Berberechos comisados en Corrubedo. Xunta de Galicia
Axentes ambientais da Unidade de Investigación de Conservación da Natureza (Uicon), dependente da Consellería de Medio Ambiente, comisaron 105 quilos de berberechos extraídos de forma ilegal do parque natural do complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán.
Os axentes realizaron operativos antifurtivismo nas madrugadas do 16 e do 30 de outubro, co apoio dun garda de recursos naturais do parque natural.
Os operativos consistiron nunha vixilancia continua con visores térmicos na que se comprobou a actuación de seis furtivos que extraían de maneira ilegal berberechos dentro do parque. Unha vez detectada esta actividade ilegal, os berberechos foron incautados e devoltos ao medio, xa que se atopaban en boas condicións.
A actuación enmárcase no plan operativo anual da Uicon, unha brigada móbil integrada por oito axentes con capacitación técnica que puxo en marcha a Xunta este ano para abordar materias que, pola súa complexidade e carga de traballo, requiren de especial dedicación.
Xunta de Galicia