Un panadeiro de Pontevedra axúdanos a distinguir o pan de masa nai
A calidade do pan depende das materias primas e do proceso de fermentación
Pans que se venden como artesán moitas veces non é tal
É fin de semana e no obrador de Amásame, en Pontevedra, están a tope. Ás nove da mañá hai moito que facer, distintos tipos de pan e doces. Aquí traballan con masa nai, un cultivo de lévedos e bacterias que hai que refrescar a diario.
"Mañá cando vaia coller para amasar, se a masa nai está ben, ten que tocar na tapa", advirte un empregado de "Amásame".
Pero, como distinguir se un pan se fixo con masa nai?
"O sabor dinos bastante. Un pan bo, se leva masa nai, ten que ter un punto de acidez máis alto, ten que saber a cereal. Na apariencia, un pan bo ten máis codia. As migas tamén importan e a cor. Cando o pan está feito con fariñas de calidade ten unha miga cor crema, non é branca", detalla Daniel Pampín, Panadeiro de Amásame.
Daniel é a terceira xeración de panadeiros. Empezou na dos avós e recoñece que tamén se pode facer pan de calidade cun lévedo convencional, pero con moito tempo de fermentación.
"Non é como traballamos nós pero é unha forma de facerlo moi digna e de calidade", explica Daniel Pampín, Panadeiro de Amásame.
Aparellos como as cámaras de fermentación lle permiten empezar a traballar máis tarde, pero mantén o costume de entelar o pan en liño sobre unhas táboas.
"Temos que volver a cultivar o padal. E de que maneira? Indo a panaderías de referencia, falar coa xente da tenda, falar co panadeiro, poñerlle cara. E a partir de aí, probando", conta Daniel Pampín, Panadeiro de Amásame, como evitar enganos co pan.