Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volven adiar o xuízo contra Carlos Silla e os outros acusados de introducir cocaína nun veleiro

Volven adiar o xuízo contra Carlos Silla e os outros acusados de introducir cocaína nun veleiro

Un dos procesados tivo un accidente hai dous días, cando ía ao xuízo, e segue de baixa

Os acusados enfrontan penas de ata 18 anos de prisión por unha operación de descarga de máis de tres toneladas de cocaína en marzo de 2020

G24.gal 24/05/2023 13:42

Volve o xuízo contra Carlos Silla e outros oito acusados de narcotráfico porque un dos acusados, lesionado nun accidente o luns cando se dirixía ao xulgado, segue de baixa.

O xuíz enviou esta mañá un médico forense do Imelga ao seu domicilio para facerlle un recoñecemento, que finalmente confirmou o parte de lesións e a prescrición de repouso durante 72 horas.

A previsión é que o xuízo poida comezar finalmente o próximo mércores, día 31. Si volveron asistir hoxe os outros acusados, entre eles o arousán Carlos Silla, considerado o líder desta operación Lince, na que interceptaran máis de 3 toneladas de cocaína en marzo de 2020, só unhas semanas despois do inicio do estado de alarma a causa da covid-19.

Para el pide a Fiscalía 18 anos de cadea e 360 millóns de euros de multa. Actualmente, Silla cumpre condena en Portugal por outra operación de tráfico de drogas.

Para os outros oito acusados, o Ministerio Público solicita penas de trece anos e medio de prisión

A operación foi abortada polas unidades antidroga da Garda Civil, a Policía Nacional e o Servizo de Vixilancia Aduaneira despois dunha persecución de dúas planadoras de gran potencia cargadas con multitude de fardos de cocaína que acababan de desembarcar desde un veleiro.  

Unha das lanchas chegou con 72 fardos de cocaína á praia de Barreiriño, no Grove, e a outra foi localizada no illote de Airós cando os seus tripulantes tentaban fondear os fardos fuxindo a toda velocidade.

A embarcación foi localizada posteriormente na desembocadura do Umia e a policía logrou recuperar outros 72 fardos de droga, aínda que non achou aos seus tripulantes.

Tal e como recoñeceu o fiscal Pablo Varela, "non foi posible identificar a todos os suxeitos implicados nesta complexa actividade criminal".

O veleiro foi afundido fronte ás costas da Guarda polos seus tres tripulantes que chegaron a terra nunha zodiac auxiliar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade