Adiado o xuízo a Carlos Silla e outros oito acusados de narcotráfico
Adiado o xuízo a Carlos Silla e outros oito acusados de narcotráfico
Os feitos remóntanse a 2020, cando tentaban introducir un alixo de 3.700 quilos de cocaína na ría de Arousa
O xuízo atrásase porque un dos acusados lesionouse nun accidente de coche e permanece en observación nun hospital en Pontevedra
Volve atrasarse o macroxuízo polo primeiro alixo comisado na pandemia, 3.700 quilos de cocaína que en marzo de 2020 -ao pouco de decretarse o confinamento- tentaron introducir pola ría de Arousa. Hai nove acusados dos feitos, entre eles o presunto cabecilla da trama, o vilagarcián Carlos Silla.
Brigadas antidroga da Policía Nacional e da Garda Civil interceptaran dúas planadoras co cargamento recollido -supostamente- nun narcoveleiro, o Benirras, que logo foi afundido na costa da Guarda.
Daquela foron oito as persoas detidas, pero houbo que esperar outro golpe para prender a Carlos Silla, presunto líder da trama. Detivérono nunha operación conxunta coa policía portuguesa, en que interceptaron o maior alixo de cocaína apreixado nunca nun narcoveleiro. Silla cumpre hoxe 14 anos de condena en Portugal por esa outra operación.
El e outros oito acusados tiñan que comparecer hoxe a xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra, un xuízo que finalmente se suspendeu. Un dos acusados tivo un accidente leve no coche está mañá, e estará en observación nun hospital de Pontevedra durante polo menos 24 horas. En principio, na Audiencia contan poder retomar o xuízo este mesmo mércores.