Extraditan a España o 'Pablo Escobar sueco', un dos maiores 'narcobanqueiros'
Financiou operacións coma a do Nehir, un narcobuque interceptado na Mariña en 2021 con case dúas toneladas de cocaína
A policía vincúlao tamén co histórico narco das Rías Baixas, Moncho Vilaboa, detido este ano
Enfróntanse a 18 anos de cárcere pola operación Beautiful, unha das maiores operacións contra a droga de Europa
Directo dunha cela de Suecia a unha de España. Jonas Falk, coñecido coma o 'Pablo Escobar sueco', xa dorme nunha prisión española despois de ser extraditado polas autoridades do seu país.
Chegou baixo fortes medidas de seguridade para ser xulgado, na Audiencia Nacional, pola operación Beautiful, unha das maiores causas contra o narcotráfico en Europa. Hai 69 acusados, entre eles, nomes coñecidos do narcotráfico galego, como Costiña.
A investigación sitúa a Falk entre os catro presuntos responsables da organización, á que se atribúe a planificación e financiamento de grandes partidas de cocaína procedentes de América do Sur. Unha trama con ramificación en Galicia e relacionada tamén co alixo do buque Nehir, abordado en 2021 fronte a Ribadeo con case dúas toneladas de cocaína e que acabou coa detención do histórico capo Moncho Vilaboa.
A Audiencia Nacional sitúao na cúspide. El era o encargado de poñer os cartos para custear as toneladas de cocaína do buque Nehir, interceptado fronte ás costas da Mariña no ano 2021. O seu narcobanco pagaba a droga en orixe, pero o millonario plan non servía de nada sen unha infraestrutura clave a milleiros de quilómetros: as Rías Baixas.
É aí onde conectaban os cartos estranxeiros coa loxística galega.
Unha pata coordinada por un vello coñecido: o alcumado Moncho Vilaboa. Segundo o sumario, o histórico narco arousán era o encargado de preparar as planadoras rápidas e recrutar os pilotos.
Hoxe a súa realidade é ben distinta: está en prisión e a súa mansión de Cambados, bloqueada.
Pero a policía aínda non pechou o círculo. Queda por localizar o madrileño Alejandro Salgado, alias o Tigre. Considerado o auténtico cerebro deste narcobanco de Dubai, permanece en busca e captura internacional coma un dos fuxitivos máis perigosos de Europa.