Volve a Ourense o Rally de Automóbiles Clásicos e Antigos
A Escudería de Clásicos de Ourense recupera unha cita que ten xa 26 anos de antigüidade
63 coches antigos desde os anos 50 aos 80 acudiron para participar na ruta polas estradas da provincia
Viñeron participantes de toda Galicia e o norte de Portugal
Polo centro de Ourense este sábado puidéronse ver máis de medio cento de vehículos antigos, modelos desde os anos 50 ata os 80. Chegados de toda Galicia e o norte de Portugal, participan nunha nova edición do Rally de Automóbiles Clásicos e Antigos cunha ruta polas estradas da provincia.
Os coches clásicos volveron encher a Praza Maior de Ourense. Tras dous anos de pandemia e con moitas ganas, os amantes do motor recuperan a súa cita co Rally de Automóbiles Clásicos e Antigos.
Preparados para participar nunha xornada de ruta ata Celanova, acoden 63 coches antigos de toda Galicia e o norte de Portugal con modelos míticos desde os anos 50 ata os 80. E chega Rogelio no seu clásico, o máis antigo e rechamante. É un Rolls Royce do ano 1939 en perfecto estado e "moi silencioso", asegura o seu dono.
E máis que para a competición, que tamén, veñen para amosar as súas xoias de automoción e gozar da súa afección.
"A nosa función dentro da escudería, ademais de que gocemos cos clásicos, é fomentar que a xente os coide, que os conserve e, se hai que restauralos que se restauren", di Francisco Fernández, o presidente da Escudería de Clásicos de Ourense.
"É un pouquiño como un neno pequeno, que o agarimas, que o preparas, que o acondicionas... É un 'hobby' marabilloso", asegura un dos participantes.
Percorren primeiro a rúa do Paseo de Ourense, para saír na proba de regularidade uns, e outros van simplemente polo pracer de conducir.