Publicador de contidos

Publicador de contidos

Volve a amoxicilina pediátrica, pero escasean máis de 600 fármacos

Volve a amoxicilina pediátrica, pero escasean máis de 600 fármacos

O antibiótico pediátrico recupera a distribución despois dun mes de desabastecemento

A Axencia Española do Medicamento notifica problemas de subministración de 623 fármacos

 

 

G24.gal 29/11/2022 14:32

Foi o antibiótico máis buscado neste novembro infestado de virus infantís. A demanda desbordou a oferta ata hoxe, que empeza a chegar unha nova remesa de amoxicilina pediátrica. Pero seguen escaseando 623 fármacos, algúns de uso común como antiinflamarios, antiepilépicos ou colirios.

"A globalización fai que a maioría dos principios activos se fagan en moi poucos países. Se un destes puntos de fabricación ten un problema, é moitísima a produción que se ve afectada", explica Ignacio Labella Lozano, vogal do Colexio de Farmacéuticos da Coruña.

Eses desaxustes de produción sumados aos intereses económicos dos laboratorios, que priorizan os países onde venden máis caro, provocan a escaseza. Así e todo, os farmacéuticos piden calma, case sempre hai fármacos equivalentes que poden dispensar.

"Poden faltar medicamentos concretos, pero hai alternativas perfectamente bioequivalentes e que nós temos a potestade de intercambiar coa receita que nos chega. Noutras ocasións hai que buscar unha alternativa terapéutica, pero é máis molesto para o paciente porque ten que volver ao médico e que lle cambie a receita", indica o farmacéutico Ignacio Labella.

Nalgúns casos o stock recupérase en días, noutros o problema pode durar máis dun mes. Unha incerteza que incomoda pacientes e farmacéuticos, que aseguran que é un problema vello pero que se agudizou moito nos últimos meses.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar