Publicador de contidos

Publicador de contidos

Chega a ponte do 'six-seven', a última expresión xuvenil que ninguén sabe que significa

Chega a ponte do 'six-seven', a última expresión xuvenil que ninguén sabe que significa

O termo converteuse en popular porque se fixo viral a partir dun vídeo en Internet

A linguaxe das novas xeracións nútrese cada vez máis de palabras creadas nas redes sociais

G24.gal 05/12/2025 15:27 Última actualización 05/12/2025 16:21

Será con algo de chuvia, seguro, pero chega unha ponte festiva que sempre senta ben, sexa como sexa. Para algúns é a da Inmaculada, a festa impulsada no século XV; para outros, a da Constitución, que celebra o texto de 1978; pero agora algúns xa lle din tamén a da six-seven e non é só porque caia en 6, 7 e 8. Six-seven é, para moitos, a expresión do ano. Sobre todo, para as novas xeracións.

"Estás cos rapaces no patio e, de súpeto, ves que están: «Six-seven! Six-seven! Six-Seven!»", conta un mestre de colexio.

"Hai un vídeo viral dun rapaz... Aínda non o entendo pero si que o teño visto bastante, sobre todo por Tik-tok", confirma unha moza.

"Si que o escoitei pero o primeiro que non o entende son eu", admite outro rapaz.

O certo é que o significado da expresión non está nada claro. Hai distintas interpretacións. E tampouco se puido identificar indiscutiblemente a súa orixe. Si se sabe que se fixo popular porque aparece nun vídeo que triunfa en Internet.

É un fenómeno rechamante: a expresión é popular porque se fixo viral; non se fixo viral porque antes fose coñecida. Así, six-seven, entrou no vocabulario da xente nova que, con frecuencia, sobre todo a través das redes sociais, emprega termos inéditos e descoñecidos para outra gran parte da poboación: "funar", "random", "PEC", "dospa" ou "frontear". 

"FOMO, o medo a perder a experiencia", pon como exemplo unha moza. "NPC, cando unha persoa non fai nada ou é moi simple", apunta outra.

"Cringe?", pregúntalle un pai ao seu fillo de dez anos. "Cando algo che dá moita vergoña", explícalle o neno. "E así todo o día...", suspira cun sorriso o home.

A listaxe medra con cada mensaxe. Algunhas destas palabras poderían acabar sendo asumidas nos dicionarios. Non sería a primeira vez. En six-seven anos, quen sabe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade