Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Camiño dos Valores, un percorrido propio da mocidade vulnerable

O Camiño dos Valores, un percorrido propio da mocidade vulnerable

Máis de 150 mozos vulnerables participaron durante catro días na peregrinación

O obxectivo da Asociación UP2U é promover a integración da rapazada en situación de vulnerabilidade

G24.gal 12/10/2025 13:56

Despois de catro etapas de camiño, máis de 150 mozos vulnerables ou en situación de risco ou de protección chegaron este mediodía ao Obradoiro. A Asociación UP2U que preside a xuíza de menores das Palmas, Reyes Martel, quixo incidir este ano nos problemas de saúde mental que lles afectan tamén á mocidade. 

É o Camiño dos Valores, o que desde hai nove anos percorren menores e mozos en situación de risco ou de vulnerabilidade procedentes de distintos lugares do Estado. Nesta ocasión saíron o xoves de Samos, e puideron comprobar durante estes días que a convivencia, as dificultades compartidas e tamén as satisfaccións acaban creando vínculos moi positivos entre eles. 

"O camiño para min significa superación persoal, poder chegar a encontrarte a ti mesmo se nalgún momento estás perdido e a superar problemas da vida propia e a desconectar", explica Daniel González, no seu último día de Camiño.

" É verdade que este camiño axudoulles moito a persoas que non saben expresarse para achegarse a outra xente e pedirlles axuda. A min pareceume ben", recoñece Gabriela Badea.

" Á fin e ao cabo é como se un cae, eu espero, axúdoche a que te ergas e imos todos xuntos", di Daniel.

O obxectivo é promover a integración social da rapazada que á súa idade xa sufriu as consecuencias dunha guerra, dunha migración irregular ou da incapacidade das súas familias para darlles os coidados que precisan. 

"É un camiño que eu sempre digo que é unha terapia intensiva, é máxico. Tanto é así que agora que levamos nove anos xa están participando como voluntarios rapaces e rapazas que o fixeron ao principio. Un exemplo é Tama, que xa é maior de idade. El chegou hai moitos anos nunha embarcación ás Canarias desde Malí, que sufría unha guerra civil terrible. Deixou a súa familia e hoxe en día traballa como intérprete na Policía Nacional, está nun equipo de baloncesto e axuda a outros mozos cos irmáns da Cruz Branca", explica Reyes Martel, presidenta da Asociación UP2U e maxistrada xuíz de menores das Palmas.

Oportunidades coma a que tivo Tama son as que a asociación agarda para cada rapaza e rapaz que hoxe están nunha situación de vulnerabilidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade