Voluntarios e concellos galegos levan axuda a Ucraína e traen refuxiados
Maceda e Cedeira enviaron furgóns cargados de comida, abrigos e medicinas
Muros quere levar un autobús e traelo cheo de ucraínos
Concellos e asociacións de toda Galicia están a enviar axuda a Ucraína. Están saíndo coches e furgonetas cargados de comida, abrigos ou material sanitario de Cedeira, Muros ou Maceda, e a idea é volver cos vehículos cheos de refuxiados.
En Maceda, Ourense, cargaron hoxe tres furgóns e un remolque con alimentos, abrigos, produtos básicos e medicamentos. Van sete persoas, entre bombeiros e voluntarios de Protección Civil, á fronteira sur de Ucraína con Polonia.
"O plan é chegar alí, descargar o que levamos e entregarllo á Cruz Vermella e a partir de aí ir ao noso punto de destino e cargar as 24 persoas que están asignadas para vir con nós", sinalou Rubén Quintas Rodríguez, alcalde de Maceda e voluntario de Protección Civil.
Agardan estar de volta a vindeira fin de semana. Os refuxiados aloxaranse os primeiros días en dous hoteis da localidade que prestan de balde as instalacións e despois serán asignados a familias de acollida.
Tamén desde Cedeira, A Coruña, saíu este mediodía unha furgoneta cargada de axuda e traerá de volta sete refuxiados.
"Espero que todo saia ben e que esta experiencia sirva para que xurdan novas iniciativas, que temos un montón de peticións de xente da vila que tamén quere colaborar acollendo nenos, familias, ou o que sexa", di Juan García, empresario de Cedeira que leva axuda a Ucraína. xunto a Rafael Fernández Pio.
No concello de Muros están recollendo e almacenando toda a axuda posible para ir cara á fronteira con Ucraína a semana que vén.
"Acabamos de empezar e xa temos unhas tres furgonetas cheas. A idea é, se hai alguén que nos poida ceder un autobús ou un camión, levar axuda humanitaria e traer refuxiados", explica Manuel Beiro, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Muros.
Prefiren un autobús para poder traer máis xente.