Zelenski sentará a negociar con Rusia se Putin acepta unha tregua a partir do luns
Putin propúxolle a Ucraína unha negociación directa o vindeiro xoves 15 de maio en Istambul
O mandatario ruso non respondeu á proposta presentada este sábado en Kíiv polos líderes europeos
Vladimir Putin proponlle a Volodimir Zelenski sentar a negociar o vindeiro xoves, pero o presidente ucraíno insiste en que primeiro debe haber un alto ao fogo a partir deste luns.
O mandatario ucraíno valora a oferta de Moscova como "un primeiro paso" para avanzar cara á fin da guerra, pero deixa claro que non vai sentar cara a cara para falar, se a tregua non se fai efectiva en 24 horas.
"O que non ten sentido é continuar matando xente, nin sequera por un día máis. Esperamos que Rusia acepte o cesamento do fogo -pleno, firme e verificable- a partir de mañá 12 de maio e estaremos dispostos a reunirnos", dixo Zelenski na súa conta de X.
Os líderes de Alemaña, Francia, Polonia e o Reino Unido, que se reuniron con Zelenski en Kíiv este sábado, apoiaron a petición desta tregua de 30 días, ao igual ca os Estados Unidos.
Porén, o presidente ruso non respondeu á proposta e anunciou de madrugada o seu desexo de celebrar negociacións directas o vindeiro 15 de maio en Istambul, para atopar unha saída pacífica ao conflito despois de máis de tres anos de guerra.
"Renovar as negociacións directas, insisto, sen ningunha condición previa. Comezalas sen dilación, xa o vindeiro xoves, 15 de maio, en Istambul", dixo Putin durante unha comparecencia no Kremlin transmitida en directo pola televisión.
O presidente ruso lembrou que na cidade turca foi onde as autoridades ucraínas suspenderon as negociacións con representantes rusos en marzo de 2022, pouco despois do comezo da campaña militar rusa en febreiro.
"A nosa proposta, como se adoita dicir, está sobre a mesa. A decisión depende agora das autoridades ucraínas e dos seus patrocinadores", aos que acusou de querer "continuar a guerra con Rusia por medio dos nacionalistas ucraínos".
Mentres Moscova acusa a Occidente de convencer a Kíiv para suspender hai máis de tres anos as negociacións, analistas internacionais apuntan que Rusia esixía entón, entre outras cousas, a redución do Exército ucraíno por baixo dos 100.000 efectivos.
Ademais, adiantou que ten previsto entrar en contacto en breve co presidente turco, Recep Tayyip Erdogan, para que facilite a celebración das devanditas conversas no seu país.
"Espero que el confirme o seu desexo de contribuír a lograr a paz en Ucraína", dixo.
Á espera da reacción ucraína, Putin subliñou que "agora teñen lugar accións militares, unha guerra, e nós propoñemos renovar as negociacións interrompidas non por nós. Que hai de malo niso? Aqueles que, realmente, queren a paz non poden non apoialo".
"Estamos decididos a negociacións serias con Ucraína. O seu sentido radica en eliminar as causas orixinais do conflito, lograr unha paz duradeira e sólida a longo prazo (...). "Non descartamos que durante estas negociacións logremos chegar a un acordo sobre algunha clase de nova tregua ou cesamento do fogo. Por certo, sobre unha tregua real que sexa respectada non só por Rusia, senón tamén pola parte ucraína".
Seguidamente, o asesor do Kremlin para asuntos internacionais, Yuri Ushakov, asegurou que Moscova espera agora a "reacción" de Ucraína.
"Isto sería o primeiro paso para unha paz duradeira e firme, e non o prólogo para a continuación do conflito tras o rearmamento e unha nova mobilización do Exército ucraíno", asegurou.

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asegurou nas últimas semanas que a súa mediación non terá éxito se ambos os dous bandos en conflito non sentan a negociar un fronte ao outro.
Con todo, as posturas polo momento semellan irreconciliables, xa que Moscova esixe, entre outras cousas, o recoñecemento dos territorios anexionados, incluído a península de Crimea, algo ao que se opuxo publicamente o presidente ucraíno, Volodímir Zelenski.
O propio vicepresidente dos EUA, J. D. Vance, asegurou esta semana que Moscova pide "demasiado", xa que o seu exército non controla totalmente o territorio nin do Donbás nin das rexións de Kharsón e Zaporijia.
Sen tregua de 30 días
Ao mesmo tempo, Putin non respondeu directamente á proposta de tregua de 30 días presentada o sábado en Kíiv polos líderes de Alemaña, Francia, o Reino Unido e Polonia, que trataron por teléfono a iniciativa con Trump.
Os líderes europeos advertíronlle a Moscova que se non anunciaba o luns un cesamento do fogo dun mes, adoptarían sancións contundentes contra Rusia.
Segundo Putin, "as autoridades de Kíiv e vostedes mesmos viron perfectamente que non aceptaron a nosa proposta de cesamento do fogo" e acusou a algúns países europeos de "retórica antirrusa", "accións agresivas" e tamén de falar con Moscova con "linguaxe de ultimato".
Putin insistiu en que o exército ucraíno incumpriu en marzo-abril a tregua enerxética de 30 días e tamén a pascual de 30 horas declaradas unilateralmente polo xefe do Kremlin, pero que foron posteriormente apoiadas por Kíiv.
Tamén acusou a Ucraína de negarse a apoiar a tregua de 72 horas que Putin anunciou con ocasión do 80 aniversario da vitoria do Exército Vermello sobre a Alemaña nazi, festexos aos que asistiron unha trintena de líderes estranxeiros, e que venceu esta medianoite.

Ataques ucraínos
Putin denunciou que durante os últimos días o exército ucraíno tentou ata en cinco ocasións penetrar en territorio ruso nas rexións fronteirizas de Kursk e Bélgorod.
Ademais, asegurou que antes de entrar en vigor o devandito cesamento do fogo, Kíiv lanzou un ataque masivo con 524 drons contra obxectivos en territorio ruso, onde provocaron, en particular en Moscova, un caos aeroportuario que afectou a decenas de miles de persoas.