Publicador de contidos

Publicador de contidos

Irán celebra un funeral multitudinario de militares e científicos mortos na guerra

Irán celebra un funeral multitudinario de militares e científicos mortos na guerra

Son os funerais de 60 persoas mortas na "Guerra dos doce días", nome que lle deron á guerra entre os días 13 e 24 de xuño de 2025

Medios estatais iranianos situaron en "un millón" o número de persoas que asistiron aos funerais

Imaxe aerea do funeral celebrado polas vítimas da "Guerra dos 12 días". Foto: Reuters
G24.gal 28/06/2025 12:41

Irán celebrou este sábado os funerais de 60 persoas, entre elas altos cargos militares e científicos nucleares, que morreron en ataques israelís na guerra dos doce días, nunha cerimonia multitudinaria na que participaron miles de persoas en Teherán e que cualificou como unha “mensaxe ao mundo”.

A cerimonia fúnebre comezou na praza Enghelab, da Revolución, co versículo do Corán:

“Sen dúbida, Deus defende os que creron. Saiban que Deus non ama o traidor nin o desagradecido”, informou a axencia iraniana IRNA.

Tras a cerimonia en Enghelab a procesión dirixiuse á praza Azadi, da Liberdade, situada a uns cinco quilómetros, distancia que se percorreu en máis de catro horas no medio dun mar de persoas que ondeaban bandeiras iranianas e entre berros de “morte a América” e “morte a Israel”.

Medios estatais iranianos situaron en "un millón" o número de persoas que asistiron aos funerais, un extremo que non foi confirmado por fontes independentes.

“Nin rendición nin compromiso cos Estados Unidos”, oíuse tamén mentres os cadaleitos cubertos con bandeiras circulaban pola capital adornados con fotos dos falecidos ademais de con pétalos de rosas e as persoas se achegaban a tocalos.

Entre os falecidos cuxo funeral se celebrou hoxe atopábanse o comandante da Garda Revolucionaria, o xeneral Hosein Salamí; o xefe do Estado Maior das Forzas Armadas, o xeneral Mohamad Hosein Baqerí, ou o científico nuclear Mehdi Tehranchi, entre outros.

En total 60 persoas foron enterradas hoxe, entre elas 30 militares, catro nenos e catro mulleres, que forman parte dos 627 mortos nos doce días de guerra, segundo os datos oficiais.

Os seus enterros realizaranse entre hoxe e mañá en diversas cidades iranianas.

Unha mensaxe ao mundo


O Ministerio de Exteriores cualificou como unha “mensaxe ao mundo” e unha “mostra da lealdade do pobo” o alto número de asistentes aos funerais.

“Este funeral non foi só un ritual de despedida, representou a unidade dunha nación que respondeu ao asasinato coa linguaxe da presenza”, indicou nun comunicado.

Altos cargos do país persa participaron no cortexo fúnebre, como foi o caso do presidente de Irán, Masud Pezeshkian; o comandante da Forza Quds da Garda Revolucionaria, Esmail Qaani, ou o presidente do Parlamento, Mohamad Baqer Qalibaf, entre outros.

Tamén apareceu en público por primeira vez no cortexo fúnebre Ali Shamkhani, asesor do líder supremo, Ali Jameneí, a quen se deu por morto nos primeiros días do conflito que comezou o 13 de xuño.

O ministro iraniano de Exteriores, Abás Araqchí, sumouse aos funerais horas despois de pedirlle ao presidente de Estados Unidos, Donald Trump, que abandone o “ton irrespectuoso e inaceptable” cara a Jameneí se quere pechar un acordo nuclear co país persa.

“Se o presidente Trump realmente quere un acordo (nuclear), debería deixar de lado o ton irrespectuoso e inaceptable cara ao líder supremo de Irán, o grande aiatolá Jameneí, e deixar de ferir os seus millóns de seguidores máis sinceros”, dixo en X de madrugada Araqchí.

“A boa vontade xera boa vontade, e o respecto xera respecto”, engadiu.

 

O portavoz da Garda Revolucionaria, Ali Mohamad Naeini, tamén tivo palabras para o mandatario estadounidense en relación ao que cualificou como a súa “retórica imprudente”.

“O noso consello para Trump é que abra os ollos e deixe de falar sen fundamento e de comportarse de forma errática”, dixo o militar, nunhas declaracións recollidas por medios iranianos.

Esas mensaxes prodúcense despois de que Trump afirmara onte que lle salvou a vida a Jameneí ao non revelar o seu paradoiro a Israel e non ordenar que as forzas armadas estadounidenses o atacasen.

“Salveino dunha morte horrible e ignominiosa, e non ten por que dicir 'GRAZAS, PRESIDENTE TRUMP!'", afirmou Trump en Truth.

Ademais non descartou volver atacar as instalacións nucleares de Irán se recibe informes cribles de intelixencia que confirmen un novo enriquecemento de uranio a "niveis preocupantes”.

Israel lanzou unha ofensiva contra Irán o 13 de xuño e os dous países cruzaron ataques durante doce días, mentres que os Estados Unidos atacaron tres instalacións nucleares iranianas.

Segundo datos oficiais, a guerra deixou un saldo de polo menos 28 mortos civís en Israel e 627 en Irán, e concluíu cun cesamento do fogo mediado polos Estados Unidos que entrou en vigor o martes pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade