A ONU declara situación de fame negra na Franxa de Gaza
Guterres asegura que é un fracaso da humanidade
Israel nega a fame negra declarada pola ONU
O ministro de Defensa israelí ameaza con destruír Gaza se non hai acordo de cesamento do fogo

A ONU apoiou un grupo independente sobre seguridade alimentaria, confirmando que se está producindo unha situación de fame negra de maneira oficial na Franxa de Gaza.
Foi o secretario xeral adxunto da ONU para asuntos humanitarios, Tom Fletcher, quen afirmou que a fame negra declarada hoxe foi promovida como arma de guerra.
"Tras 22 meses de conflito incesante, máis de medio millón de persoas na Franxa de Gaza enfróntanse a condicións catastróficas caracterizadas pola fame, a indixencia e a morte", sinalou este martes a ONU.
O peor está a vivirse no norte, na Cidade de Gaza, onde hai máis de un millón de persoas. Israel prepara unha nova ofensiva militar contra a cidade se non se chega a un acordo de cesamento do fogo.
Os alimentos estanse a producir a poucos centos de metros, no lado israelí da fronteira, e o Goberno de Israel non os está deixando pasar, forzando esta situación.
"Estamos ante unha fame negra que nos perseguirá a todos, porque é unha fame negra predicible e evitable, unha fame negra causada pola crueldade, xustificada pola vinganza, propiciada pola indiferenza e sostida pola complicidade", dixo Fletcher.
Segundo os datos revelados hoxe, a situación non fará máis que empeorar. Estímase que as condicións empeoren máis entre mediados de agosto e finais de setembro, expandindo a fame negra cara ao centro e ao sur do enclave.
Outro que tamén se pronunciou neste tema foi o secretario xeral da ONU, António Guterres, que afirmou que a situación declarada na Franxa de Gaza é un fracaso para a humanidade e instou a un cesamento do fogo inmediato.
"Como potencia ocupante, Israel ten obrigacións inequívocas baixo o dereito internacional, incluída a de garantir a subministración de alimentos e medicinas á poboación. Non podemos permitir que esta situación continúe con impunidade", recalcou.
Israel nega a situación
O Ministerio de Exteriores de Israel negou que se estea producindo unha situación de fame negra en Gaza. Asegurou que se trata dunha campaña fraudulenta de Hamas.
Segundo Israel, a CIF, que xestiona a fame en todo o mundo, reduciu para este informe o limiar dos fogares que afrontan condicións catastróficas de fame do 30 % ao 15 %. Con todo, xa se comprobou que Israel mente.
A día 15 de agosto, o 30 % dos fogares xa afrontan o nivel de fame negra crítico ou fase 5, e prevese que aumente para o 15 de setembro ata o 35 %.
Este nivel, segundo a CIF, supón que núcleos familiares sufran unha escaseza extrema de alimentos ou que non poidan satisfacer outras necesidades básicas, o que remata en fame, morte, indixencia e desnutrición aguda críticas.