Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aparece morto o exministro ruso de Transporte destituído por Putin

Aparece morto o exministro ruso de Transporte destituído por Putin

O Comité de Instrución investiga o caso como un posible suicidio

O exgobernador de Kursk estaba ameazado por cargos de corrupción e malversación

Imaxe de arquivo dunha xuntanza entre Putin e Starovoit o 30 de xaneiro de 2025. Sputnik/Gavriil Grigorov/Pool via REUTERS Imaxe de arquivo dunha xuntanza entre Putin e Starovoit o 30 de xaneiro de 2025. Sputnik/Gavriil Grigorov/Pool via REUTERS
G24.gal 07/07/2025 16:04

O exministro de Transporte de Rusia, Román Starovoit, apareceu morto este luns ás aforas de Moscova, tan só unhas horas despois de ser destituído polo presidente Vladimir Putin.

Segundo informou o Comité de Instrución ruso, a principal hipótese é o suicidio.

“A investigación está a establecer as circunstancias da morte de Román Starovoit”, sinalou o organismo nun comunicado publicado en Telegram.

O corpo do exministro foi atopado no seu coche particular cunha ferida de bala na localidade de Odintsovo, preto da capital rusa.

Posible uso da súa pistola honorífica

Segundo medios rusos, Starovoit puido quitarse a vida na noite do 5 ao 6 de xullo empregando unha pistola Makárov que lle fora concedida como distinción polos seus servizos en 2023.

Con todo, o coñecido canal de Telegram *Mash* asegura que o exministro celebrou unha reunión cos seus subordinados na mañá do luns, despediuse deles e marchou á súa casa, onde foi atopado morto.

Traxectoria e problemas xudiciais

Starovoit, de 53 anos, fora nomeado ministro de Transporte en maio de 2024 tras exercer como gobernador da rexión de Kursk.

O seu sucesor na rexión, Alexéi Smirnov, foi arrestado en abril acusado de corrupción e estafa na construción de liñas defensivas preto da fronteira con Ucraína.

Fontes próximas á investigación aseguran que Starovoit tamén estaba ameazado por posibles cargos de fraude e malversación de fondos, polos que podería enfrontarse a ata 20 anos de cárcere.

Outros políticos, incluído o propio Smirnov, declararan en contra súa.

Contexto político e militar

En agosto de 2024, tres meses despois de que Starovoit deixara o cargo en Kursk, as Forzas Armadas de Ucraína ocuparon parte da rexión, que non foi recuperada por Rusia ata abril pasado.

Putin nomeou este luns a Andréi Nikitin, ata agora viceministro da mesma carteira, como novo titular de Transporte.

O portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, asegurou que a destitución de Starovoit non se debeu a unha perda de confianza, xa que o decreto correspondente non incluía esa mención, habitual nese tipo de casos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade