Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Unión Europea denuncia que Rusia atacou a súa delegación en Ucraína

A Unión Europea denuncia que Rusia atacou a súa delegación en Ucraína

O ataque con mísiles e drons deixa polo menos 14 vítimas mortais, entre elas, tres menores

directo Conta de X de António Costa
G24.gal 28/08/2025 08:39 Última actualización 28/08/2025 12:44

A delegación da Unión Europea (UE) en Kíiv resultou danada "deliberadamente" durante os ataques aéreos rusos nocturnos contra a capital ucraína, segundo denunciou o presidente do Consello Europeo, António Costa, que se declarou este xoves "arrepiado" ante esta nova noite de ataques.

"A UE non se intimidará. A agresión rusa só reforza a nosa resolución por estar ao lado de Ucraína e a súa xente", dixo Costa, que compartiu unha foto dunha oficina cos cristais das xanelas rotos e múltiples desfeitas.

Tamén nas súas redes sociais, a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, confirmou que todo o persoal da delegación está a salvo e urxiu o Kremlin a deter os seus ataques indiscriminados e a participar nas negociacións para unha paz xusta e duradeira.

Pola súa banda, a alta representante da UE para a Política Exterior, Kaja Kallas, lamentou que "mentres o mundo busca un camiño cara á paz, Rusia responde con mísiles", e dixo que o ataque da pasada madrugada "mostra unha decisión deliberada de intensificar a tensión e burlarse dos esforzos de paz". "Rusia debe deter as matanzas e negociar", dixo Kallas.

A cifra de civís mortos polo ataque ruso da pasada noite contra Kíiv con mísiles e drons ascende a 14. Entre os mortos hai tres menores: unha nena de dous anos, un mozo de 14 anos e unha moza de 17 anos", anunciou a Fiscalía. Ademais hai 40 hospitalizados. O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, sinalou que aínda poderían atoparse persoas baixo os entullos, posto que os labores de rescate aínda continúan.

Ademais da delegación da UE, os ataques desta noite danaron edificios de vivendas en varios distritos da capital, un centro comercial, unha gardería, así como as oficinas do xornal Ukrainska Pravda.

A Forza Aérea ucraína informou no seu parte matinal de que o inimigo lanzou pola noite un total de 598 drons e 31 mísiles -entre eles mísiles de cruceiro Kh-101, mísiles balísticos Iskander-M e mísiles case-balísticos Kinzhal- contra territorio ucraíno.

Pola súa parte, o  Kremlin rebateu as críticas da Unión Europea polo ataque contra a delegación comunitaria en Kiiv co argumento de que o exército ruso nunca ataca infraestruturas civís.

"As Forzas Armadas rusas cumpren coas súas misións. Elas, como xa se dixo, continúan atacando infraestrutura militar ou cuasimilitar", dixo Dmitri Peskov, portavoz presidencial, na súa conferencia de prensa telefónica diaria, na que lembrou que nunca se chegou a acordar unha tregua aérea con Ucraína. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade