O rei Filipe pide unidade para sacar adiante a economía nas zonas afectadas polos incendios
Os monarcas visitaron as comarcas de Castela-León máis afectadas
Este xoves virán a Galicia e o venres irán a Estremadura
Os Reis puideron ver desde o mirador de Orellán a dimensión da desfeita no paisaxe queimado das Médulas, patrimonio mundial da Unesco. O rei Filipe mostrouse desolado e fixo un chamamento á colaboración entre administracións para superar esta traxedia.
"Hai moito que facer, moito esforzo, moitas persoas e institucións que teñen que unirse nun propósito común para sacar adiante a economía da zona e o futuro", dixo o monarca.
Remataba no Bierzo a visita que os monarcas fixeron ás comarcas de Castela-León asolados pola vaga de incendios. Comezaran a xornada en Pobra de Seabra onde coñeceron o testemuño dos afectados. O gando de Marta quedou sen pastos e pide poder levalos a outras zonas.
"Ven un inverno moi duro. Os animais non teñen onde pacer. Pedimos por favor que nos permitan levar o gando a unha zona máis limpa"
Agricultores, hostaleiros, os que perderon as súas casas. Son moitos os que teñen experiencias traumáticas que compartir ou reclaman apoio para saír adiante.
"Obviamente os testemuños son sobrecolledores, aquí e en tantos lugares. Queriamos estar preto de todos os afectados", dixo Filipe VI.
Os reis tamén quixeron estar cos que levan semanas loitando contra o lume. Coñeceron as dificultades ás que se enfrontan e agradeceron o labor dos bombeiros, militares, técnicos e voluntarios que aínda traballan sobre o terreo. Este xoves visitarán varios concellos ourensáns afectados pola vaga de incendios. O venres trasladaranse a Estremadura.