Publicador de contidos

Publicador de contidos

As pirotecnias denunciarán os concellos que veten os fogos artificiais para evitar incendios

As pirotecnias denunciarán os concellos que veten os fogos artificiais para evitar incendios

Aseguran que nas estatísticas oficiais "non consta nin un só grande incendio provocado por pirotecnia profesional"

Cargan contra os municipios que aplican normativas "restritivas e arbitrarias" contra unha actividade "legal e regulada"

 

O concello decidiu prescindir da pirotecnia tras o incendio de Herbón (Arquivo) O concello decidiu prescindir da pirotecnia tras o incendio de Herbón (Arquivo)
G24.gal 22/06/2026 12:53

O sector pirotécnico de Galicia ameazou este luns con emprender accións legais contra os concellos que prohiban ou limiten os fogos artificiais nas festas populares para reducir o risco de incendios forestais ou as molestias por ruído.

A Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos (AGIP) denunciou nun comunicado a deriva "restritiva e arbitraria" aplicada por diversos concellos e o "populismo ambiental" de consistorios como Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) ou Padrón (A Coruña) contra unha actividade económica "legal e regulada".

Dende AGIP advirten de que emprenderán accións legais e esixirán compensacións económicas contra os que cancelen de forma unilateral contratos en vigor ou "alenten e inviten publicamente" a non contratar pirotecnia baseándose en motivos que considera "ideolóxicos, populistas, discriminatorios e que vulneran o dereito fundamental ao traballo".

Insisten en que os espectáculos pirotécnicos son de escasa duración, "perfectamente localizados" e "non xeran risco real" de incendios.

Segundo a asociación, as estatísticas oficiais da Consellería do Medio Rural e as memorias da Fiscalía de Medio Ambiente "deixan claro que a incidencia da pirotecnia nos incendios forestais é practicamente nula", e pon de exemplo 2025, cando o impacto da pirotecnia profesional e regulada foi cero.

"En toda a historia das estatísticas forestais de Galicia non consta nin un só gran incendio provocado por pirotecnia profesional e, cando ocorre algún incidente, na práctica totalidade dos casos trátase de conatos que non superan a barreira dunha hectárea", aseguran.

Para AGIP este veto é unha "cortina de fume" para xerar unha imaxe de responsabilidade mentres o rural está abandonado e os montes sen limpar.

O Concello de Padrón anunciou recentemente que deixará de usar pirotecnia durante os meses de alto risco de incendios e o de Vilagarcía creou un grupo de traballo para estudar como reducir o uso de bombas de palenque nas festas polo malestar causado a persoas e animais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade