A Xunta abrirá este sábado 16 oficinas en Galicia para tramitar as axudas polos incendios
As oficinas estarán operativas desde este sábado en Ourense, A Coruña, Lugo e Pontevedra
A Xunta habilitará 16 oficinas en distintos concellos de Galicia para atender as persoas afectadas polos incendios e facilitar a tramitación das axudas, que se aprobarán este venres no Consello extraordinario e poderán solicitarse desde o sábado.
O presidente autonómico, Alfonso Rueda, explicou en Folgoso do Courel que o obxectivo é que estas axudas se poidan "pagar canto antes".
Para iso desprazaranse funcionarios da Xunta a cada punto de atención e pedirase a colaboración dos concellos. Rueda asegurou que se intentará que a xestión sexa "o máis sinxela posible" e que o pago sexa "rápido".
Oficinas na provincia de Ourense
Na provincia de Ourense haberá dez puntos de atención en Verín, A Gudiña, Xinzo de Limia, Maceda, O Barco de Valdeorras, Viana do Bolo, A Rúa, Pobra de Trives, Ribadavia, Chandrexa de Queixa e tamén en Vilamartín de Valdeorras, este último a través dunha oficina agraria móbil.
Oficinas na provincia da Coruña, Lugo e Pontevedra
Na Coruña estarán en Melide e Ponteceso, en Lugo abrirase unha oficina en Quiroga, e en Pontevedra haberá outras dúas en Lalín e O Porriño.
Rueda comparou esta actuación coa do Goberno central, que aprobou onte a declaración de zonas de emerxencia. Ao seu xuízo, o Executivo limitouse a facer "primeiro a declaración burocrática" e será máis adiante cando habilite as axudas, mentres que a Xunta, segundo afirmou, actúa con máis "eficacia" ao facelo "todo xunto".