Os reis visitarán este xoves as zonas afectadas polos incendios na comarca de Verín
Filipe VI e Letizia percorrerán os concellos de Verín, Cualedro e Monterrei

Os reis visitarán este xoves diversas zonas de Galicia afectadas polos incendios forestais deste verán. Percorrerán os municipios ourensáns de Verín, Cualedro e Monterrei e reuniranse con alcaldes e outras autoridades, así como con veciños e gandeiros afectados polas lapas.
Segundo informan fontes da Casa Real, Filipe VI e dona Letizia chegarán ao mediodía ao Centro de Coordinación do Distrito Forestal XIV en Verín para visitar a sala de control dos incendios e saudar alcaldes de localidades afectadas na provincia de Ourense.
Alí tamén saudarán a representantes dos distintos equipos que desenvolveron o seu labor ante esta situación de emerxencia.
Despois desprazaranse a Cualedro, onde estarán nunha explotación gandeira e manterán un encontro con propietarios afectados.
Xa sobre as dúas da tarde, visitarán a parroquia de Medeiros, en Monterrei, para reunirse nun colexio público cunha representación de veciños afectados polos incendios, cos que teñen previsto estar arredor dunha hora.
A visita a Galicia forma parte do percorrido que as súas maxestades están a facer estes días polas zonas máis afectadas pola onda de incendios en España deste verán, que hoxe mércores os leva a Castela e León e o venres, a Estremadura.