Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os postos de comida ambulantes quedarán desde setembro baixo control sanitario da Xunta

Os postos de comida ambulantes quedarán desde setembro baixo control sanitario da Xunta

Carpas e food trucks incorporaranse ao Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios 

A Xunta aprobou o decreto tras o brote de salmonela rexistrado no Trasan Fest en Oza-Cesuras 

Arquivo/Europa Press Arquivo/Europa Press
G24.gal 27/08/2025 12:15

Os postos ambulantes de venda de comida, como carpas ou food trucks quedarán a partir de setembro baixo o control sanitario da Xunta, ao ter que incorporarse ao Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos Alimentarios (REGASA).

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores o decreto da Consellería de Sanidade, que entra en vigor dentro de vinte días, polo que se regula este rexistro e se establecen os requisitos de hixiene na produción e comercialización para determinados establecementos.

A principal novidade deste decreto, que actualiza o catálogo de actividades recollidas no rexistro, é a incorporación dos locais ambulantes ou provisionais, como carpas, postos e vehículos de venda ambulantes, así como os almacéns de apoio e as instalacións de venda á persoa consumidora final.

De agora en diante, entran a formar parte dun rexistro dentro da Dirección Xeral de Saúde Pública e poderán ser inspeccionados polos concellos e/o a Consellería de Sanidade, no ámbito das súas competencias.

A Xunta xa avanzou o pasado mes de xullo, a aprobación deste decreto tras un gromo de salmonela nas tortillas dun posto do festival Trasan Fest en Oza-Cesuras (A Coruña).

Que di a nova normativa

A lexislación autonómica actual deixaba en mans dos concellos o control da venda ambulante, pero a partir de agora estes postos serán rexistrados polas autoridades autonómicas e someterse a inspeccións de sanidade, cuxa periodicidade dependerá do nivel de risco asociado a cada tipo de establecemento.

O decreto componse de catro capítulos e dezaseis artigos e establece condicións específicas para a subministración de alimentos de produción propia e produtos de orixe animal entre establecementos de comercio polo miúdo.

Tamén as condicións de comercialización de alimentos preparados en locais utilizados como vivenda privada e os requisitos para os almacéns de apoio dos establecementos de venda polo miúdo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade