O marinense Javier Muñoz Moldes, novo director xeral de Política Económica
Desenvolveu a súa carreira nos ámbitos da competencia, a regulación económica e as políticas públicas europeas
O Consello de Ministros aprobou o seu nomeamento en substitución de Víctor Ausin

O Consello de Ministros nomea a Javier Muñoz Moldes director xeneral de Política Económica do Ministerio de Economía, Comercio e Empresa.
Nacido en Marín (Pontevedra) en 1988, Javier Muñoz Moldes pertence ao Corpo Superior de Técnicos Comerciais e Economistas do Estado. É graduado e máster en Ciencias Económicas pola Universidade Católica de Lovaina e máster en Competencia e Regulación de Mercados polas universidades Pompeu Fabra e Autónoma de Barcelona.
Javier Muñoz desenvolveu a súa carreira nos ámbitos da competencia, a regulación económica e as políticas públicas europeas, combinando experiencia na administración española con etapas no sector privado ou público internacional.
Fóra do sector público nacional, traballou na Autoridade Sueca da Competencia, no grupo farmacéutico belga UCB e na consultora británica especializada en competencia RBB Economics, nas súas oficinas de Londres e Bruxelas.
No sector público español ocupou postos no Departamento de Análise e Estudos da presidencia do Goberno, no gabinete técnico e de Análise Financeira do Tesouro Público e como responsable de asuntos europeos no gabinete da vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos.
Recentemente exerceu como subdirector xeral de Fondos Europeos no Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, con responsabilidade na coordinación do Plan de Recuperación, a supervisión dos instrumentos financeiros xestionados por ICO, COFIDES e BEI, e a representación do Ministerio nas negociacións coa Comisión Europea.
Javier Muñoz substitúe no cargo a Víctor Ausin, que desempeñou o cargo desde 2024, tras ser o director xeral de Macroeconomía entre 2021 e 2024.
O ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Corpo, expresou o seu máis sincero agradecemento a Victor Ausin pola súa contribución á análise e desenvolvemento da política económica como director xeneral do Ministerio durante os últimos 4 anos.