A feira Artemar pecha este domingo en Ribeira cun espectáculo de lume e circo
90 comerciantes abriron os seus postos desde o xoves con artesanía e produtos de alimentación
Noventa postos de artesanía, alimentación e restauración levan instalados nas rúas de Ribeira desde o xoves. Son comerciantes galegos e chegados doutros puntos da península para un mercado co que se quere promover a artesanía e os produtos do mar.
"Levo unha marca de artesanía propia, La otra tierra, e xa son catro días de mercado, estamos cansos pero hoxe imos dalo todo", conta unha vendedora de artesanía.
"É a primeira vez que vimos a esta feira. Facemos salsas picantes, en Mallorca, en Sóller, todo é quilómetro cero", explica un vendedor de prebes.
"Nós participamos desde hai 15 ou 16 anos. A feira resulta ben porque hai afluencia de xente pero botamos en falta que aos locais nos teñan máis en consideración, en sitios máis centrais da feira", quéixase unha vendedora de queixos.
Veciños e visitantes están a gozar dunha feira que remata esta noite con espectáculos de lume e circo.
"Levamos aquí uns días, nun piso. Encantounos Ribeira, encantounos a feira, gozamos todos os días desta rúa repleta de postos e de ambiente. E as compras facémolas esta noite", conta unha familia de Euskadi.
"Ribeira está chea de xente, hai postos moi chulos. Saímos da casa e imos comprar porque botamos onte unha ollada e moi ben. Onte había moitísima xente. Hai moita variedade de postos e hai que vir porque está precioso", din dúas irmás da cidade.