Calor e bebidas enerxéticas, mestura perigosa para a mocidade
Os expertos din que os perigos agrávanse co consumo de alcohol
Calor e bebidas enerxéticas. Mestura perigosa para a mocidade, segundo os expertos, que se agrava cando se combina co consumo de alcohol. "O alcohol deshidrata e a cafeína deshidrata. De aí o problema da deshidratación" destas bebidas, apunta a dietista e nutricionista Fátima Branco.
Deshidratarse bebendo. É tan só un dos riscos destes produtos. "Teñen afectación sobre todo a nivel cardiovascular, de alteración do sono e ansiedade", engade.
Segundo a última Enquisa Estudes, en España case a metade dos adolescentes entre 14 e 18 anos consome este tipo de bebidas. Un 20 % faino mesturándoas con alcohol. A súa composición é a base de cafeína e outros estimulantes. "Un adolescente que beba unha lata está bebendo catro cafés de golpe, non catro cafés no día. E amais non toman só unha lata e igual en dúas horas acaban tomando oito cafés", alerta esta especialista.
As administracións tratan de regular estes produtos. A Xunta aprobou recentemente un proxecto de lei, en tramitación parlamentaria, para prohibir a súa venda a menores de 18 anos. En España xa está prohibida en centros educativos e o Ministerio de Consumo quere regular a súa publicidade.