A Semana Verde pecha a edición deste ano con máis de 108.000 visitantes
Participaron preto de 800 expositores e celebráronse 3.700 mesas de negocio con operadores alimentarios e turísticos
A feira é un escaparate imprescindible para as razas autóctonas gandeiras en perigo de extinción
Pecha a edición 48 da feira Abanca Semana Verde, en Silleda, despois de reunir preto de 800 expositores e celebrar 3.700 mesas de negocio con operadores alimentarios e turísticos. Un ano mais o sector agrogandeiro, que estivo na orixe desta feira, foi tamén protagonista.
Esta edición congregou en Silleda máis de 108.000 visitantes para coñecer as últimas novidades en pequena maquinaria, bioenerxía, turismo ou produtos agroalimentarios.
"Arrincamos con 793 expositores que é a nosa mellor marca nos últimos 19 anos e iso xa auguraba unha moi boa feira, na liña do ano pasado e estamos cumprindo todos os obxectivos que tiñamos", explicaba o director xeral da Fundación Semana Verde, Ricardo José Durán
A Semana Verde naceu no ano 78 como escaparate tecnolóxico da mecanización do sector agropecuario. Desde as primeiras edicións o gando autóctono tivo o seu espazo e convocou gandeiros de todo o país.
"Para as razas en perigo de extinción esta feira foi fundamental. Levamos vindo ininterrompidamente desde os anos 80 e a partir dos 90 con maior presenza. Cada vez que viñamos á feira, nos días seguintes, os reclamos de información e achegamento da xente a estas razas era moito maior. Foi un trampolín impresionante", conta Castro Rivero, presidente da Federación de Razas Autóctonas de Galicia
En 48 anos o evento abriuse a novos sectores: o salón de alimentación do Atlántico, o de turismo de Galicia e máis de 200 actividades este ano, con experiencias gastronómicas, demostracións ecuestres e caninas.