Galicia contará cunha plataforma para vender alimentos "que non encaixan" para reducir o desperdicio
Galicia contará cunha plataforma para vender alimentos "que non encaixan" para reducir o desperdicio
O Consello da Xunta aproba a elaboración dunha estratexia para loitar contra o desperdicio alimentario
O Consello da Xunta aprobou este luns iniciar os traballos para a elaboración dunha estratexia para loitar contra o desperdicio alimentario.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cada ano unha familia media en España desperdicia uns 80 quilos de comida e bebida ao ano, un dato que "hai que minimizar no máximo posible".
Entre as principais novidades coas que vai contar esta estratexia está a creación dunha plataforma en liña para que os produtores galegos poidan vender os alimentos "que non encaixan nas canles de venda que usan habitualmente, ben porque sexan excedentes ou ben porque teñen algún tipo de defecto".
Búscase que eses alimentos, que ata o de agora remataban no lixo, poidan ser aproveitados, e Rueda citou en concreto comedores comunitarios que poderían mercalos para empregalos nas súas elaboracións.
Ademais vaise crear un selo que distinguirá as empresas que traballan para a reducir o desperdicio, e vanse elaborar campañas e guías informativas para concienciar os consumidores.
Ademais vanse elaborar enquisas para coñecer os hábitos de consumo e saber máis no concreto cal é a realidade galega respecto ao desbotamento de alimentos ou bebidas.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, dixo que se trata dunha iniciativa de carácter social e solidario pero tamén dunha "oportunidade clara desde o punto de vista económico e de sustentabilidade" xa que implicará a todos os elos da cadea alimentaria, á parte dos fogares.
Gómez destacou que ata un 6 % de desperdicio prodúcese pola data de consumo preferente que non é a caducidade, puntualizou, polo que se elaborasen fichas sobre as diferenzas entre os dous prazos co obxectivo de reducir ao máximo o descarte de alimentos por esta casuística.
A intención da Xunta é iniciar agora esta tramitación e que a estratexia estea rematada e en vigor no ano 2027.